Máis dun centenar de deportistas daranse cita na 2ª edición do Trofeo de Kickboxing Ribeira Sacra

0

Nota de prensa de la Deputación de Ourense

  • A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que se celebrará o vindeiro sábado, 20 de abril, no pavillón municipal de Luintra

O pavillón municipal de Luintra acollerá o vindeiro sábado, 20 de abril, a 2ª edición do Trofeo de Kickboxing, na especialidade de Tatami Sports, no que se darán cita máis dun centenar de deportistas. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o tenente de alcalde de Nogueira de Ramuín, Raúl Soto; o director técnico da Federación Galega de Kickboxing, Cipri Gomes; e o presidente EE.DD. Nogueira de Ramuín – departamento de Kickboxing e organizador, Rubén Batán.

A Deputación de Ourense colabora con este evento que «aglutina deporte e turismo, pois ademais de fomentar e dar visibilidade a esta disciplina deportiva na nosa provincia, contribúe a dinamizar o rural, amosando á xente que nos visite o potencial turístico do noso territorio como a Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio Mundial da UNESCO», salientou o vicepresidente do goberno provincial.

A competición comezará ás 10.00 horas coas eliminatorias de cada categoría e peso, ata ás 13.00 horas. Pola tarde, celebraranse as finais, desde as 16.00 ás 18.00 horas, coa entrega de medallas aos participantes, sendo en total «máis de 150 encontros os que se realizarán», sinalou Cipri Gomes. A entrada ao evento será gratuíta.

En canto á participación, da que Rubén Batán destacou que «as inscricións creceron case nun 40%», daranse cita máis dun centenar de deportistas de idades comprendidas entre os 8 e os 40 anos, pertencentes a 16 clubs de Galicia e «o 80% dos participantes son do deporte base», engadiu o director técnico da Federación Galega de Kickboxing.

O evento organizado polo club Escola Deportiva de Kickboxing Nogueira de Ramuín será xornada oficial da Liga Galega de Clubs 2019 e pretende consolidarse «nun referente dentro do calendario deportivo da federación», dixo Rubén Batán, a quen o tenente de alcalde de Nogueira de Ramuín lle agradeceu «a imaxe que traslada do noso municipio, a nivel nacional, no mundo deportivo».