• Como todos os anos a organización realizará unha recollida de alimentos a favor da Cociña Económica da cidade herculina.

Este sábado 22 de febreiro (a partir das 09:00 horas) celebrarase a XV edición da Copa Cidade da Coruña de Taekwondo no Coliseum da Coruña coa participación de máis de 500 deportistas de Galicia, Castela e León León, Baleares, Asturias, Madrid e Portugal. Este torneo (categoría RG-3) forma parte do Circuíto Galego de Ránking da Federación Galega de Taekwondo.

O torneo, organizado pola Escola de Taekwondo Garrapucho, disputarase na modalidade de combate en todas as categorías (máster, sénior, júnior, cadete, precadete e infantil), con deportistas dende os sete anos de idade.

Así contará con 510 deportistas pertencentes a 42 clubes, 80 adestradores e 37 árbitros. Entre os participantes haberá campións de España e Portugal, así como medallistas mundiais e europeos. Os horarios serán de 9 a 14:00 horas e de 15 a 20:30 horas.

Como todos os anos, a Escola de Taekwondo Garrapucho organiza unha recollida de alimentos a favor da Cociña Económica da Coruña, con máis de 130 anos de historia. A entrada ao recinto será gratuíta, polo que a organización anima a todos os participantes no evento (deportistas, árbitros, técnicos e público) a doar alimentos non perecedoiros, que se entregarán a esta institución benéfica.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Taekwondo