Máis de 400 ciclistas daranse cita na 8ª edición de «Parroira-Bike» no Concello de A Merca

0

 

A Asociación Ciclista Endoureiros e o Concello de A Merca organizan a oitava edición do roteiro «Parroira-Bike» que terá lugar o vindeiro domingo, 14 de maio, na que participarán 420 ciclistas. A presentación desta proba deportiva tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o  vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernandez; o concelleiro de Deportes da Merca, José Manuel Taín; o tesoureiro, o vogal e o socio da Asociación Ciclista Endoureiros, Rubén Álvarez, Alberto Taín e Alejandro Cid, respectivamente.

 

A Deputación de Ourense colabora con esta proba deportiva que comezará ás 8.30 horas no pavillón municipal de A Merca. A ruta conta cun percorrido de 45 quilómetros «por camiños, sendeiros e corredoiras dos concellos de A Merca e Allariz e, unha vez máis, o Río Arnoia volve ser o protagonista en distintos tramos da proba que atravesará tamén a Reserva da Biosfera na área de Allariz e subirá ao Monte de Penamá», explicou Rosendo Fernández, quen destacou que se trata dunha proba que aglutina «deporte e natureza e que supón unha gran oportunidade para dar a coñecer o noso patrimonio natural e para contribuír á dinamización dos nosos territorios a nivel paisaxístico, deportivo e natural».

 

Pola súa parte, Rubén Álvarez sinalou que nesta edición «a ruta será moi técnica, cun acumulado de 1.500 metros e a maiores engadimos saltos, peraltes, pasarelas de madeira, para que sexa aínda máis técnica co ano pasado». O concelleiro de Deportes da Merca agradeceu á Asociación Ciclista Endoureiros que «escollera, un ano máis, o municipio de A Merca, para desenvolver esta proba deportiva consolidada e que conta cun potente nivel competitivo».