Eladio Gómez, Rosendo Fernández, Alfonso Mandado e Mario Guede

Ficha técnica

Esta proba de ámbito nacional incluída no calendario oficial da Real Federación Española de Atletismo é «unha das competicións con maior nivel deportivo das que se celebran en Galicia durante a tempada», dixo Rosendo Fernández  

O evento desenvolverase o venres, 21 de agosto, na pista de atletismo do Campus de Ourense, «tendo esta edición unha especial relevancia porque tódolos atletas destacados precisan facer marcas para obter praza nos diferentes campionatos autonómico e nacionais», explicou o coordinador da proba 

Ourense, 18 de agosto de 2020.- Máis de 160 deportistas daranse cita na VI edición do «Ourense Termal Athletics Meeting» que se celebrará o venres, 21 de agosto, a partir das 18.00 horas, na pista de atletismo do Campus de Ourense. Esta proba de ámbito nacional incluída no calendario oficial da Real Federación Española de Atletismo é «unha das competicións con maior nivel deportivo das que se celebran en Galicia durante a tempada», dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación deste evento deportivo hoxe no Pazo Provincial, acto no que tamén participou o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; o director da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, Alfonso Mandado; e o coordinador xeral de Ourense Termal Athletics Meeting, Eladio Gómez.

Neste mesmo sentido, o coordinador da proba dixo que o «Ourense Termal Athletics Meeting» situouse na edición de 2019 «no posto número 12 do ranking nacional de competicións en pista ao aire libre (Ranking elaborado pola RFEA)» e que esta edición de 2020 ten «unha especial relevancia porque tódolos atletas destacados precisan facer marcas para obter praza nos diferentes campionatos autonómicos e nacionais», engadiu Eladio Gómez.  

Os principais obxectivos do «Ourense Termal Athletics Meeting» son: difundir a través do deporte a imaxe de Ourense termal, e trasladar a nivel nacional e internacional, Ourense como destino turístico termal e seguro de calidade; establecer un encontro que lle sirva aos atletas de máis nivel para mellorar as súas marcas; e fomentar na sociedade hábitos de vida saudable e a práctica do deporte, explicou Eladio Gómez.  

A organización da VI edición do «Ourense Termal Athletics Meeting» estaba prevista, segundo Eladio Gómez, para o 9 de maio de 2020, pero tivo que aprazarse ata esta data por mor da crise sanitaria provocada pola COVID-19. Por elo, o coordinador xeral da proba explicou que se desenvolverá segundo o protocolo de actuación para o retorno ás competicións atléticas oficiais de Galicia – Fisicovid – DXT Galego en vixencia nese momento, e sinalou que a competición se celebrará a porta pechada, sen público.   

As probas que se disputarán na competición son: 100 metros, 200 metros, 400 metros, 800 metros, lanzamento de peso, salto de altura, «e como novidade, incorporamos unha nova proba ao programa co salto de lonxitude, polo que engadimos a 10 atletas máis que sumados aos 154 inscritos fará que participen un total de 164 atletas neste «Ourense Termal», sinalou Eladio Gómez, quen engadiu que haberá premios económicos para os homes e mulleres que obteñan as tres mellores marcas do meeting por táboa World Atlhetics. 

Pola súa parte, Alfonso Mandado asegurou que a Universidade é «integradora e plural e debe colaborar coa sociedade ourensá» cedendo, neste caso, as instalacións para acoller «un meeting tan importante como este». Así mesmo, Mario Guede destacou a relevancia deste evento deportivo, «referente a nivel nacional» que demostra, xunto con outras importantes probas, «a nosa gran capacidade para organizar eventos de gran nivel como este».