Foto: FGC

Os sub-23 Iván Feijoo (Nesta) e Irene Trabazo (XSM) venceron en Maceda nas carreiras raíñas da derradeira cita puntuable para a Copa Galicia. O outro gran triunfador foi Saúl López, que defendeu con éxito o maillot de líder elite na proba organizada polo seu club.

O ciclista monfortino do Maceda chegaba á duodécima xornada da Copa con 40 puntos de marxe respecto a Daniel López (Cambre), tras ter asaltado na véspera en Verín a primeira posición do ranking elite. Campión de Galicia no Porriño o pasado domingo, Saúl López selou o seu dobrete autonómico finalizando segundo no circuíto do Castelo, a medio minuto do seu ex compañeiro de equipo Iván Feijoo. O alaricano do Nesta impúxose cun rexistro de 50 minutos e 23 segundos.

“A carreira tomeina con calma ao principio, saíndo desde atrás e pouco a pouco remontando posicións. Cando puiden chegar á cabeza, puxen o meu ritmo para conseguir a vitoria final. Tiven moi boas sensacións nesta última fin de semana previa ao Campionato de España, espero poder reter a camisola de campión sub-23”, sinalou Iván Feijoo.

Carlos Canal, outro sub-23 formado no Maceda, cruzou a liña de meta na terceira posición lucindo as cores do conxunto profesional de estrada Burgos-BH. Daniel López rematou quinto e deste xeito certificou a súa segunda praza no ranking da Copa, mentres que o terceiro posto na xeral final elite correspondeulle a Luis Fernández Oliveira (Avanza).

A emoción nesta carreira disparouse na pugna polo título na categoría sub-23. Óscar Fernández (Avanza) concluíu 15º e Ángel Maneiro (Toxo) fíxoo 17º, un resultado que provocou unha igualada a puntos no máis alto da táboa. Aplicando o criterio de desempate da Copa, Ángel Maneiro proclamouse gañador.

Irene Trabazo

A proba elite e sub-23 tivo como incuestionable gañadora a Irene Trabazo. Co punto de forma que lle outorgou a súa xira de Nadal por Bélxica e Francia, a marinense do XSM ergueu os brazos cun tempo de 42:51, superando en tres minutos e medio á tamén sub-23 Carla Fernández (Río Miera). A terceira muller máis rápida foi a júnior Noela Saa (Maceda).

O cadro de gañadores da duodécima edición do Ciclocrós Castelo de Maceda completárono Uxía Soto (Avanza) e Ricardo Buba (Coruxo) en cadetes, Miguel Rodríguez (Ponteareas) nos juniors, María Jesús Barros (Spol) nas elites, Rocío Blanco (A Forna) e Miguel Calvete (Monte Xalo) en máster-30, Natalia Raña (Corbelo) e Guillermo Álvarez (Condado Bike) en máster-40, Isabel Castro (Condado Bike) e Marcial Rodríguez (Marcisport) en máster-50, e Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60.

Cambre, mellor equipo

A Copa Galicia pechouse coroando ao Cambre como mellor equipo desta edición e coa entrega de premios aos tres primeiros nos rankings finais de cada categoría. O único cambio de líder nesta última xornada produciuse nos sub-23. Nas outras cinco clasificacións que aínda non estaban sentenciadas matematicamente conservaron a primeira posición Laura Capa (Aleata-Farto) nas juniors, Anxo Carril (Coruxo) nos juniors, Saúl López nos elites, Diana Blanco (Barbanzabike) nas elites e Natalia Raña nas máster-40/50.

O resto de gañadores do certame autonómico foron Laura Mira (Redondela) nas cadetes, André Martínez (Avanza) nos cadetes, Carla Fernández (Río Miera) nas sub-23, Rocío Blanco nas máster-30, Andrés Calvete nos máster-30, Manuel Armada (Cidade de Santiago) nos máster-40, o portugués Antonio Sousa nos máster-50 e Antonio Fernández (Cambre) nos máster-60.