Maceda e Baños de Molgas, protagonistas esta fin de semana do mellor ciclocross galego

O sábado celebrarase o XI Ciclocross "Castelo de Maceda" e o domingo, o I Gran Premio CX "Estacións Vivas".

0

A Copa Galicia de Ciclocross rematará en Ourense este fin de semana coa celebración de dúas probas que forman parte desta competición e que se disputarán o vindeiro sábado, 22 de decembro, en Maceda, e ao día seguinte, en Baños de Molgas. A presentación destes eventos tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; os alcaldes de Maceda e Baños de Molgas, Rubén Quintas e Xaime Iglesias; o director técnico da Federación Galega de Ciclismo, Guillermo Sande; o coordinador de Deportes da Secretaría xeral para o Deporte da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o presidente da Fundación ADO Moure, Carlos Moure; o presidente do Club Ciclista Maceda, Cesáreo Borrajo; e o coordinador do equipo Club Ciclista Maceda, Antonio Saa.

Rosendo Fernández destacou «a completa e variada programación deportiva que ofrecen os municipios da nosa provincia, albergando probas de diferentes disciplinas deportivas a través das cales se contribúe a dinamizar os territorios e a poñer en valor o noso rural», e Guillermo Sando remarcou «a experiencia de Maceda neste ámbito deportivo» e o feito de que Baños de Molgas «estrearase este ano cunha proba que vai a pechar a Copa Galicia de Ciclocross do 2018», salientando que entre as dúas probas «daranse cita máis de 700 corredores durante as dúas xornadas deportivas».

O sábado, 22 de decembro, celebrarase a proba XI Ciclocross Castelo de Maceda, a partir das 14.30 horas, «o que contribúe a consolidar unha iniciativa que comezou hai décadas por un grupo de persoas da nosa vila de apostar por un deporte que sitúa a Maceda como un referente do ciclismo a nivel internacional, incluso», afirmou Rubén Quintás, quen tamén agradeceu o traballo que desenvolve a Escola de Ciclismo Hermida a prol do deporte base, «o que supón un importante labor social para os máis cativos porque o deporte é fundamental para formarnos na vida».

Ao día seguinte,o domingo, 23 de decembro, a competición trasladarase a Baños de Molgas coa celebración do I Gran Premio CX «Estacións Vivas», que comezará a partir das 9.30 horas. Xaime Iglesias destacou o labor que desempeña a Fundación ADO Moure, organizadora desta proba, a prol do ciclismo. Así mesmo, Xaime Iglesias dixo que tanto Maceda como Baños de Molgas «están nunha zona privilexiada para acoller este deporte e para gozar da natureza, a través dunha disciplina deportiva que comparte o respecto polo medio ambiente».