Maceda decide a Copa Galicia de Ciclocross en Noiteboa

0

 

Este sábado, día de Noiteboa, a segunda edición da Copa Galicia despídese na localidade ourensá de Maceda coa súa undécima e última xornada puntuable. Seis dos nove rankings deste certame autonómico aínda non teñen gañador matemático.

Uns 200 corredores participarán nesta decisiva proba que se celebra na antesala do Campionato de Galicia (31 de decembro) e dos Campionatos de España (6-8 de xaneiro). O espectacular escenario do evento organizado polo Clube Ciclista Maceda será o circuito ao carón do Castelo construído no século XI. Un trazado que se achega aos 2,5 kilómetros de lonxitude.

O programa de competición do IX Ciclocross Concello de Maceda – Copa Deputación de Ourense arrancará ás 09:45 horas coa carreira de Promoción. Ás 10:00 tomarán a saída os rapaces e as rapazas cadetes, os Máster-40 e os Máster-50/60. Ás 11:00 entrarán en escena as mulleres Elite e Sub23, as juniors e os Master-30. O peche correrá a cargo dos Elite e Sub23 masculinos e os juniors a partir das 12:00 horas.

Seis clasificacións por resolver

A emoción é máxima, sobre todo, na resolución das categorías inferiores. Nos rankings cadetes o conxunto anfitrión aspira ao título tanto na táboa masculina como na feminina, pero en ambas está obrigado a remontar. Nos rapaces Mario Fernández (O Rosal) defenderá 38 puntos de vantaxe sobre Carlos Canal (Academia Postal-Actyon-MMR) e nas rapazas Andrea García (Cambre) 40 respecto á local Noela Saa (Academia Postal-Actyon-MMR).

Aínda máis axustada é a pugna nos juniors, con Pablo Álvarez (Cambre) aventaxando en dez puntos a Jorge Suárez (Cidade de Lugo). Nesta carreira tomará a saída Iván Feijóo, o corredor da estructura de Maceda que vén de acadar a novena praza na Copa do Mundo de Namur.

Outras clasificacións que tampouco están sentenciadas son a Máster-30, con Andrés Calvete (Cambre) superando en 80 puntos ao seu compañeiro Luciano Carretero, e a Máster-40 con Manuel Armada (Asociación Galega) cunha renda de 70 puntos sobre Guillermo Álvarez (Fornelos).

Na categoría raíña masculina, o líder Mauro González (Salvaterra) preséntase con 80 puntos de colchón respecto ao seu compañeiro Samuel González, que buscará prolongar a súa formidable xeira de cinco triunfos consecutivos. Unha das grandes atraccións nesta carreira será a presenza de Óscar Pereiro, gañador do Tour de Francia 2006.

Pola súa banda nas mulleres Elite e Sub23, Isabel Castro (Fornelos) rubricou o título despois de acadar a súa sexta vitoria parcial o pasado domingo no Porriño. Os outros rankings que tamén están decididos son o junior feminino, con Sara Trigo (Cidade de Lugo) como campioa, e o Máster-50/60 dominado por Javier de la Fuente (Betanzos).