Presentación da “Ourense Strade Termal” en Lobios. Asisten Rosendo Fernández (VicePresidente Deputación Ourense), Plácido Álvarez Dobaño (Alcalde de Muiños), Maria del Carmen Yañez Salgado (Alcaldesa de Lobios), entre outras autoriades.

 

Ourense, 23 de setembro de 2020.- A proba cicloturista «Ourense Strade Termal», de carácter non competitivo e internacional, celebrará a súa terceira edición o vindeiro 4 de outubro, a partir das 9.30 horas.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Balneario de Lobios, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o tenente de alcalde da Cámara Municipal de Montealegre, David Teixeira; o director de Caldaria, Javier Soto; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez; e o director técnico da proba, Serafín Martínez.

A Deputación de Ourense colabora con esta proba que ten lugar dentro do Parque Natural Xurés-Geres, «polo que a beleza e o encanto do percorrido deste evento está garantido», dixo Rosendo Fernández, quen salientou que nas pasadas edicións a «Ourense Strade Termal» contou coa participación de deportistas de case tódalas comunidades autónomas, así como de Portugal, Inglaterra, Francia e Italia.

Pola súa parte, Serafín Martínez dixo que «a día de hoxe, creo que a proba segue a ser única tanto en España como en Portugal polo trazado que ten catro tramos de sterrato, que son tramos de terra compacta». 

A proba discorre por estradas dos Concellos de Muíños e de Lobios, sendo a saída e a chegada no Balneario de Lobios, en Riocaldo. A proba, que se enmarca dentro do Calendario Nacional de Ciclismo a fondo, conta con dous percorridos: un medio fondo de 105 quilómetros que entra en Portugal, pasando por dúas poboacións emblemáticas da «raia» como Tourem e Pitoes das Junias; e o mini fondo que conta cun percorrido de 75 quilómetros.