Leiro ultima os detalles para acoller a XXXV edición da súa carreira popular

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o día 8 de xullo.

0

 

O municipio de Leiro prepárase para acoller, o día 8 de xullo, a XXXV edición da súa Carreira Popular, «unha das máis antigas de toda Galicia», sinalou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación deste evento deportivo que tivo lugar hoxe no Pazo Provincial e na que estivo acompañado polo alcalde e o tenente de alcalde de Leiro, Francisco José Fernández e Ramón Álvarez; e polos organizadores do evento, Antonio Romero e Ramón Fernández.

Rosendo Fernández explicou que a idea deste evento «naceu un 29 de xuño entre amantes do atletismo que primeiro organizaron carreiras infantís e co tempo, logrou medrar a súa participación ata convertelo na proba deportiva de hoxe». Asemade, o vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que os obxectivos desta iniciativa deportiva son «dar a coñecer o territorio, a natureza e o patrimonio, así como fomentar o deporte e o atletismo vinculado ao medio rural».

«Á carreira vén xente de toda Galicia, Portugal, Asturias e León e, entre as figuras destacadas que tivemos aí atópase Javier Gómez Noya que antes de ser campión do Mundo de Triatlón veu a correr varias veces con nós, e despois de ser campión do Mundo volveu a vir a correr con nós, en agradecemento á axuda que lle ofreceramos», explicou Ramón Fernández, quen dixo que se espera unha participación similar á das anteriores edicións de «600 a 700 persoas, máis os seus acompañantes, que case seguro volverán a visitar o municipio ao longo do verán».

Pola súa parte, o alcalde de Leiro, quen agradeceu o apoio da Deputación de Ourense, dixo que «o xerme desta proba son os nenos, e temos un claro exemplo, pois un dos rapaces que comezou a gañar a carreira en infantís, Luís Iglesias, quen agora continúa a estar nos primeiros postos das carreiras provincias de cross».

En canto á hora de saída da proba desde a Praza do Cruceiro, será ás 10.15 horas para as categorías de 4 a 7 anos que percorrerán unha distancia de 300 metros; ás 10.30 horas para as categorías de 8 a 17 anos que farán unha volta pequena de 2.266 metros; e ás 11.00 horas sairán as categorías de 18 anos en adiante que realizarán un percorrido de dunha volta pequena e unha volta grande de 9.321 metros. Ao finalizar a carreira, os participantes poderán degustar un aperitivo con viños do Ribeiro.

Os interesados en participar teñen de prazo para inscribirse ata o día 5 de xullo ás 14.00 horas, por un custe de 5 euros para as categorías absolutas e serán gratuítas para as categorías infantís. As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.championchipnorte.com.