Lara Lois (licenza dun día) e David Calzas (Tríatlon Costa da Morte) proclamáronse hoxe vencedores do IX Dúatlon Cross Concello de Beariz, no que participaron máis de 70 deportistas. Esta proba é a primeira do circuíto galego de dúatlon cross, que consta de tres competicións (Beariz, Maside e Candeán).

Na categoría feminina Lara Lois dominou a proba de forma rotunda e dende o primeiro segmento, no que xa rompeu a carreira. E sector a sector foi aumentando as distancias para chegar a meta cun tempo final de 02:07:21. A segunda posición foi para Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 02:37:45 e o bronce para María José Martínez (Tríatlon Poio) que parou o tempo en meta cun tempo de 02:41:58.

Pola súa banda, na proba masculina comezou mandando Elpidio Gómez (licenza dun día), que foi o máis rápido no primeiro segmento. Pero na bicicleta David Calzas estivo a un grandísimo nivel e logrou poñerse na primeira posición con certa distancia. Mentres que por detrás, Bruno Da Silva (Lamargha-Beariz Tríatlon) tamén ía remontando posicións para poñerse segundo.

No último segmento, David volveu ser o mellor e confirmou así a súa vitoria cun tempo final de 01:44:49. A segunda posición foi para Bruno Da Silva (01:47:36), mentres que terceiro foi David Pérez (Team Corbelo) cun tempo de 01:50:04.

 

Os vencedores doutras categorías foron:

  •  Júnior masculino: Alejandro Crespo (Lamargha-Beariz Tríatlon)
  •  Veterán 1: Belén Lemat (Cidade de Lugo) e Elpidio Gómez (licenza dun día).
  •  Clubs: Tríatlon Costa da Morte (masculino)

A proba celebrouse sobre a distancia sprint, de forma que as e os participantes realizaron 6 quilómetros de carreira a pe, 21 en bicicleta de montaña e remataron con 2,5 quilómetros a pe.

 

Foto: Representantes do #BearizTriatlon no #duatlon trail de #Beariz  #AviamanCross

FEGATRI

 

Comentarios