O técnico Julio Delgado González seguirá á fronte das Guerreiras tras unha gran tempada deportiva. “Tivemos moitas alegrías deportivas este ano: Copa Galicia, Copa de SM A Raíña, Recopa, Supercopa e Liga. Son moitos títulos acumulados nos últimos meses. Non deixamos soñar. O club está facendo unha aposta moi importante e os obxectivos seguen sendo os mesmos: loitar por todos os títulos, gañar, gañar e gañar. O camiño é duro, hai moitos meses detrás de traballo e esa é a gran recompensa, o recoñecemento dos títulos”.
Julio Delgado continuará un exercicio máis co apoio dun corpo técnico moi unido: “Estou rodeado dun gran grupo humano e isto fai moito máis doado o traballo. Estou moi orgulloso deste corpo técnico; podo dicir que despois de tantos anos no fútbol sala é o mellor co que traballei, sobre todo pola complicidade que temos” aseguraba o técnico, que traballará de novo con Lucas como segundo adestrador, Emma Losada como delegada, Pablo Díaz como preparador físico, Fran Paz como adestrador de porteiras e a nutricionista Alba Vila, ademais da chegada na tempada pasada coa fisioterapia da Clínica David Mariña e o masajista Xurxo Rodríguez.
A pretempada en Vista Alegre arrincará o vindeiro luns, 10 de agosto, cunha aposta pola continuidade, coas renovacións de Bea Mateos, Dany, Lara Balseiro, Ale de Paz, Jenny e Cristina, ademais de Jozi, Peque e Cami, con contrato en vigor. Julio Delgado destacou tamén a contribución das novas caras: “A Sandra Buzón seguiámola desde hai tempo, poderanos axudar moito en portería para suplir a baixa de Ana Romero; e Elena Aragón achegará xuventude e agresividade” puntualizaba o estratega, advertindo da previsión dalgunha chegada máis.
Menos dun mes queda para o inicio de liga, o 5 de setembro. “Sen dúbida será un deporte diferente. Estamos afeitos a estar arroupados constantemente por unha afección que é referencia nacional e internacional; vivino como xogador e desde hai anos como adestrador. Sen esa afección vai ser moi diferente, pero esperemos que se vaia solucionando todo aos poucos e a xente poida regresar a Vista Alegre. Xogar a porta pechada é difícil, sobre todo para equipos como o noso, que temos o empuxe da afección xa desde o quentamento en todos os partidos2 reflexionaba así Julio Delgado sobre o grande apoio que supón a Bancada Laranxa. “Imos traballar para brindarlles todo a eles. Se ao final non poden estar en Vista Alegre imos facer todo o posible para que a nosa calor e o noso traballo lles chegue igualmente” aseguraba o técnico mariñán.