Julio Delgado pecha a súa etapa no Burela tras 6 tempadas de ouro

0

O técnico Julio Delgado pecha a súa etapa liderando as Guerreiras Laranxas tras 6 tempadas de ouro e 12 títulos. O salmantino, xa de adopción mariñá, finaliza contrato co Pescados Rubén Burela FS e tomarase un descanso á fronte dos bancos despois da intensidade destes anos nos que o equipo brillou dentro e fóra de España conquistándoo todo.

Julio Delgado despídese deixando o Pescados Rubén Burela FS no mellor momento da súa historia con 9 títulos consecutivos, como actual campión de Liga, Copa de S. M A Raíña, Supercopa de España, 4 Nations Futsal e Copa Galicia, ademais de ser recoñecido nos Futsalplanet Awards como Mellor Club Feminino e segundo Mellor Adestrador Feminino.

Carta de Julio Delgado:

Se cando aceptei dirixir e adestrar a este equipo me contan o que ía vivir nestas 6 tempadas, seguramente non os crería.

 

Vivín con sentimento, con paixón cada adestramento, cada partido… Gocei, ao fin, do 40×20 e levo comigo momentos irrepetibles.

 

Quero dar as grazas de corazón a todas as xogadoras, a todas; tamén a esas persoas que están á sombra e que formaron parte do corpo técnico, en especial ás deste último ano; SODES TOP. Grazas ao meu CLUB, Burela FS, e a toda a xente que o forma polo seu apoio, por confiar en min e por facerme sentir tan cómodo desde que cheguei: 1998 (case non choveu).

 

GRAZAS, GRAZAS E MIL VECES Grazas á MELLOR AFECCIÓN DO MUNDO Que pasada xogar e adestrar co voso apoio!

 

Quero tamén agradecer aos medios de comunicación o trato tan respectuoso e cariñoso que recibín ao longo de todos estes anos.

 

Pero, sen ningunha dúbida hai tres piares que sustentaron este longo camiño. Grazas Eva, Julio e Pablo. Sen o agarimo, a comprensión, a paciencia e o apoio da miña muller e os meus fillos isto non sería posible.

 

Antes da despedida, quero deixar unhas últimas palabras para unha persoa que me convenceu de que o fútbol sala feminino era apaixonante, e qué razón tiña. Muito obrigado NECO!!!