O alfocego Juanma Marrube non continuará á fronte do Pescados Rubén Burela FS. A directiva da entidade laranxa tomou esta difícil decisión, unha decisión moi meditada, co fin de atopar o revulsivo necesario para dar garantías aos obxectivos marcados para a tempada.

Juanma Marrube representa a grande esencia desta familia. O Mariskal e o club compartiron moitos dos momentos de ouro do fútbol sala mariñán. O sempiterno 8 laranxa ofreceu grandes tardes sobre o parqué, etapa á que puxo fin en 2014 para asumir a secretaría técnica da entidade laranxa. Tras o seu debut como técnico do asturiano Boal FS, de Segunda B, en 2017 asumiu as rendas do Pescados Rubén para abandeirar o regreso a Primeira, conquistando o ascenso á elite en 2018-19, e outorgando dúas Copas Galicia para a vitrina burelista.

Juanma demostrou sempre unha gran capacidade de dedicación, esforzo e profesionalidade. Chegou o momento de separar os camiños, aínda que este non pode ser un adeus. O Mariskal sempre terá estas portas abertas; novos proxectos poden reencontrarnos.