Santiago de Compostela, a 7 de Agosto de 2020.- O proxecto da SD Compostela na Segunda División B ten un novo integrante, un picheleiro de adopción que chega cargado de ilusión. Juampa Barros Campos (25/03/94) firma por unha tempada polo Compos, procedente do CD Ebro, para marabillar á bancada do Vero Boquete de San Lázaro coa súa zurda exquisita.

Con esta fichaxe o club refórzase cun perfil que buscaba, un xogador zurdo, de banda, que pode actuar en varias posicións. Así, Juampa destaca pola súa calidade, desborde e desequilibrio, pero tamén pola súa polivalencia, xa que pode actuar tanto nas tres posicións de tres cuartos de campo (interior ou mediapunta) como no lateral esquerdo.

Do mesmo xeito, o proxecto compostelanista aliméntase de novo dun futbolista da casa, moi vinculado á cidade e cunha enorme proxección, bases que sustentan a un equipo que deu este ano o paso á división de bronce do fútbol nacional. Precisamente, esta é unha categoría que coñece moi ben o novo xogador branquiazul, xa que esta será a súa sexta tempada nela.

Aos seus 26 anos, Juampa acumula xa 134 partidos en Segunda B, unha cifra que tentará agrandar na capital galega. A súa dilatada experiencia no fútbol semiprofesional comezou nas filas do Racing Club de Ferrol, conxunto ao que chegou procedente do Ordes, aínda que a metade de tempada marchouse para o Atlético Astorga, conxunto tamén do grupo 1.

Tras o seu paso por terras leonesas, o canteirán do RC Deportivo da Coruña, volveu a Galicia para enrolarse nun CD Boiro, onde coincidiu, por exemplo, con Pato Guillén, David Soto ou Jimmy. Mercé á súa gran campaña, fichou polo Coruxo onde seguiu despuntando nos seus dous anos alí. No seu primeiro curso, disputou 26 encontros, mentres que no segundo foise ata os 36 partidos xogados (27 como titular), nos que anotou ademais tres goles, axudando ao conxunto vigués a acabar nunha meritoria décima praza.

Despois das súas dúas campañas en Vigo, Juampa volveu coller as maletas para irse, neste caso, a Aragón, onde fichou polo CD Ebro para competir no sempre esixente grupo III da Segunda B. Alí, ata o parón da competición como consecuencia da pandemia do coronavirus, foi unha peza capital do equipo, disputando 22 encontros de liga (15 de inicio), para acabar en undécima posición; e tres de eliminatorias da Copa do Rey, competición na que chegaron aos dezaseisavos de final.

Agora volve de novo á súa terra de adopción para converterse na segunda incorporación da SD Compostela 20/21, e únese, deste xeito, aos sete renovados, polo que Yago Iglesias xa ten confirmados a nove xogadores para o próximo curso: Pato Guillén, Borja Rey, Álvaro Casas, Samu, Baleato, Pablo Antas, Juampa, Gabri Palmás e Brais Abelenda.