Os favoritos cumpriron cos prognósticos tanto na categoría feminina como na masculina. Joselyn Brea e a arxentina Delfina Orlandini (Tríatlon Arteixo) saíron xuntas da auga, pero a arxentina logrou escaparse na bicicleta, na que Joselyn tivo algunha molestia. Así, chegou a transición con máis de un minuto de vantaxe sobre a deportista do Tri- Penta, pero a carreira a pe se lle fixo imposible para Orlandini.

Era un circuíto moi duro, con fortes pendentes, e antes da primeira volta, Joselyn xa estaba en cabeza para lograr un cómodo triunfo cun tempo de 1:05:07. A segunda posición foi para a pequena da familia Brea, Edymar, que tamén estivo moi ben colocada e chegou a meta cun tempo de 1:06:32. O terceiro posto foi para Nerea García (Náutico de Narón), que tamén logrou superar a Orlandini que se afundiu na carreira a pe. Na clasificación de clubs femininos, triunfo para o Tri-Penta Terras de Lugo.

Na categoría masculina, tampouco houbo sorpresas. Os dous internacionais Antonio Benito (Cidade de Lugo Fluvial) e Ricardo Hernández (Cidade de Lugo Fluvial) amosaron a súa condición de favoritos, ocupando as primeiras posicións dende a natación. Marcharon destacados durante o segmento de bicicleta o que lles permitiu economizar forzas na carreira a pe, para entrar en meta da man. A

primeira posición foi para Antonio Benito cun tempo de 57:04, mentres que segundo foi Ricardo Hernández co mesmo crono. De destacar o grandísimo traballo de Ismael López (Tríatlon Vilagarcía), que entrou nun numerosísimo grupo na T2 no posto 44, e remontou moitas posicións na carreira a pe, na que marcou o mellor tempo. López ocupou o terceiro chanzo do podio cun tempo de 58:32. Na clasificación de clubs masculina venceu o Cidade de Lugo Fluvial.

O Tríatlon Concello de Poio, que contaba cunha proba federada e outro popular, tivo unha participación de 250 triatletas nun día soleado, pero non excesivamente caloroso.

Comentarios