Santiago de Compostela, a 18 de Agosto de 2020.- Jorge Queiruga Castro seguirá dous anos máis ligado á SD Compostela. O central santiagués, despois do seu primeiro ano completo ás ordes de Yago Iglesias, seguirá co seu crecemento futbolístico na Terceira División galega, posto que o club lle buscará unha cesión produtiva para que o canteirán poida dispoñer de minutos.

Aos seus 20 anos, no seu segundo curso como sénior, a entidade compostelanista busca que o mozo futbolista poida desenvolver as súas aptitudes, do mesmo xeito que o fixo na súa anterior etapa no Puebla FC. Por iso, xogará cedido esta campaña, para regresar á capital galega o próximo verán.

Nesta última campaña, no seu debut como xogador do primeiro equipo, e tamén en Terceira, Queiruga puido disputar cinco encontros de liga, dous deles partindo de inicio. Agora, buscará ampliar os seus números e acumular experiencia para seguir coa súa gran proxección.

Por outra banda, coa firma da súa renovación, os 17 xogadores do primeiro plantel que formaron parte da expedición que disputou o playoff exprés, que acabou co ansiado ascenso á Segunda División B, deron o si quero á proposta de continuidade que lles ofreceu a SD Compostela, todo un logro que demostra a importancia de manter unha boa base para consolidar o proxecto.