Tania Castiñeira perdeu en segunda rolda contra a croata Madunic.

Javier Gonzalez acadou hoxe a segunda medalla para o taekwondo galego no Europeo Júnior, que se celebrou estes días en Chipre. O pontevedrés estivo a piques de pasar á final, nun fermosa e competida semifinal contra o croata Marco Golubic. Pola súa banda, Tania Castiñeira perdeu no segundo combate tamén contra unha croata, Anja Madunic.

Javier González (-68 quilogramos, Mace Sport) comezou o Europeo contra Niyaz Zulfugarli (Azerbaián) e venceu con absoluta superioridade (7-19). En segunda rolda esperaba o portugués Diogo Rafael Alves da Costa, que librara da primeira eliminatoria, e novamente o noso deportista foi mellor para dar o salto aos cuartos de final por un resultado de 7-10. Estaba Javier ante o combate decisivo, que era o que garantía unha presea, e para conseguila tiña que superar ao serbio Dusan Bozanic. Pero novamente o galego non deixou opción algunha ao seu contrincante e pechou o resultado nun claro 10-4, que confirmaba como mínimo a medalla de bronce.

Pese a todo, González quería máis e buscou o pase a final contra o croata Marco Golubic. E foi un combate espectacular, competido, fermoso entre dous grandes contrincantes que se decidiu pola mínima a favor do croata (11-12).

Pola súa banda Tania Castiñeira (+68, Hebe) comezou moi forte no primeiro combate fronte á turca Esra Akbulak, a que superou por un rotundo 13-7. A galega estivo moi centrada e conseguiu unha acción á cara espectacular.

En segunda rolda esperaba unha dura rival, a croata Anja Madunic. Tania comezou perdendo 8-0, o que lle obrigou a arriscar para remontar. Tentou puntuar arriba, sobre todo porque a croata cubría moi ben o peto, pero non houbo posibilidade de darlle a volta ao marcador, para rematar cun 7-15 en contra.

Desta forma, o taekwondo galego acadou dous bronces neste Europeo Júnior. O xoves Arlet Ortiz (Mat ́s) logrou o bronce en -52 quilogramos, e hoxe Javier González tamén se subiu ao podio. Ademais, gran traballo de Adrián Pombo (-78, Natural Sport Riveira), que quedou a un so paso das medallas, e de Tania Castiñeira.