Javi Rodríguez, unha perla que volta o Burela

0

Despois dunha década, o Pescados Rubén Burela FS volverá contar no proxecto 2020-21 cunha das súas perlas, o ala Javier Rodríguez Rodríguez (La Gomera, 1989). O xogador canario regresa á que foi a súa casa en etapa xuvenil e Segunda División, procedente do Al Salmiya de Kuwait e cunha dilatada experiencia nacional e internacional.

Levante UD, Catgas Energía, Uruguay Tenerife e Manacor, ademais de Napoli e Dina de Moscú, enriqueceron a Javi Rodríguez lonxe da Mariña: “Madurei moito deportiva e persoalmente, coa experiencia de 11 anos en Primeira e 4 en Segunda; sempre traballei para aprender ao máximo cada tempada. Agora comezo unha nova etapa, con Juanma como adestrador, quen foi un exemplo de profesionalidade e coidoume moito sendo o capitán do equipo. Xa me dixo que me vai a espremer ao máximo” explicaba o novo 7 burelista, entre risas, cunha maleta chea de vivencias en Burela: “Teño moitos amigos na Mariña: Christian Chao, Revilla, Manu, David Mariña… moitos antigos compañeiros, moi bos recordos, pero o mellor sen dúbida é o de chegar a Burela e a resposta inmediata da xente é o seu trato, como un máis da vila. A imaxe máis triste foi cando perdemos o playoff de ascenso a Primeira contra Puertollano; nunca vin chorar tanto a un vestiario. Eramos unha piña”.

Javi Rodríguez, terceira incorporación para 2020-21 xunto aos galegos Diego Quintela e David Pazos, recala para “loitar por facer algo bonito esta tempada co club que me deu a oportunidade de saír de Canarias sendo un neno, a miña segunda casa, onde conseguín ser campión de España con Galicia, e onde me sentín querido sempre que pisei Vista Alegre”, confesaba o canario, sinalando a Iago Míguez, co que compartiu vestiario en Catgas, como un dos responsables da súa volta de laranxa, “nun club que xa coñecín como do mellor en estrutura de base en Galicia”.