A brasileira María Leidjane Marques de Oliveira, Jane, xa está de regreso como flamante reforzo para o potencial das Raíñas neste comezo de 2021. A ala-peche, que xa foi recoñecida co trofeo MVP na Supercopa de España no seu debut co Pescados Rubén en 2019, volverá defender o 11 laranxa.

Dende onte en Burela, Jane xa poderá estar dispoñible para entrar na convocatoria esta semana, con Copa da Raíña e Supercopa no horizonte, en Marín e Burela, respectivamente. A xogadora, de 30 anos, amosouse moi ilusionada na súa segunda tempada no club mariñán, despois dunha excelente adaptación en 2019-20. “Estou moi feliz; estaba moi ansiosa por regresar, de axudar e de gozar outra vez do fútbol sala, desexando que todo vaia moi ben para seguir pelexando por todos os títulos”, explicaba a brasileira loando a excelente primeira volta das Guerreiras, coa guinda da recente reválida de Copa da Raíña: “Creo que o equipo está realizando unha gran temporada e agardo que neste 2021 aínda poidamos ser mellores. Tiña saudade do club e da afección” confesaba a ala-peche, lembrando as súas grandes celebracións de laranxa, de 4Nations Futsal de Milán e Supercopa.