Foto: Norinver Cycling Team

Os títulos autonómicos Máster de fondo en estrada decidíronse este domingo nun final digno dunha clásica das Ardenas. Rubén Fernández venceu en solitario no ‘Muro de Tui’, a explosiva subida na que remataron os 80 quilómetros con saída e chegada na vila tudense. O máster-40 do Norinver compartiu podio cos novos campións das outras tres categorías: o máster-30 Juan Rivas (Noela), o máster-50 Alfonso Fernández (Orensano) e o máster-60 Manuel Prieto (Norinver).

A proba organizada polo Club Ciclista De La Fuente rexistrou un éxito de participación. Máis de 150 ciclistas formaron o pelotón que percorreu as estradas do sur da provincia de Pontevedra. O exprofesional porriñés Rubén Fernández corría preto da súa casa e o seu equipo rodou á fronte de pelotón controlando en todo momento as escapadas.

No quebrado trazado que transcorreu nos seus primeiros 60 km por Guillarei, Salvaterra, As Neves e Ponteareas, un dos intentos máis consistentes de sorprender ao gran grupo protagonizárono Santiago Pereira (Máster Morrazo) e Salvador Vidal (Marín) antes de realizar un primeiro paso polo ‘Muro de Tui’.

Unha vez neutralizado o dúo de aventureiros, José Manuel Regueira (Chantadino) coroou encabezando o pelotón a ascensión na que máis tarde ía rematar a carreira.  Vicente Alló, outro representante do conxunto de Chantada, deu continuidade ao movemento do seu compañeiro e de neutralizar esa arrancada encargouse Rubén Fernández nas ramplas do Alto do Matelo.

O defensor do título máster-40 non se detivo aí e decidiu lanzar un ataque que resultaría definitivo dentro dos últimos 10 km. «Sabía que por detrás non se ían organizar pola forma na que se corren os campionatos», indicou o do Norinver, que se presentou ao pé da segunda e definitiva subida ao ‘Muro de Tui’ cunha cómoda vantaxe.

Final selectivo

Fernández cruzou a liña de meta cun tempo de 1:52:46 e con 35″ de marxe sobre os seus perseguidores. O tamén máster-40 Francisco Javier Costas (G.D. 10) obtivo a segunda praza ao impoñerse no esprint dun quinteto no que o máster-30 vasco Mikel Núñez (Máster da Louriña) acadou o terceiro posto absoluto, Moisés Leboso (G.D. 10) completou o podio máster-40 entrando cuarto e Jaime Rivas superou a Óscar Montoiro (Illas Cíes) no pulso polo título máster-30 autonómico. A 55″ do vencedor concluíu Iago Alonso, terceiro máster-30 galego.

A costa final esnaquizou o pelotón. O primeiro máster-50 foi Alfonso Fernández, con 8″ de diferenza respecto a Marcial Rodríguez (Quebici-Marcisport). A medalla de bronce nesta categoría conseguiuna Enrique Vázquez (Monte Xalo).

En canto aos máster-60, que realizaron unha única subida ao ‘Muro de Tui’, Manuel Prieto asinou un solvente triunfo por diante de José Luis Riobó (Bueu) e Julio Fernández (Bicis Oliveira), segundo e terceiro respectivamente.

A cerimonia de podio na que se entregaron as medallas, os trofeos e os maillots de campións de Galicia contou coa presenza de Rafael Estévez, concelleiro de Deportes de Tui; Mon Magán, concelleiro de Seguridade de Tui; Óscar Sánchez, vogal da Federación Galega de Ciclismo; e Dean Flecher, presidente do Club Ciclista De La Fuente.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo