Foto: Puro Ciclismo

A chuvia chegou á Copa Galicia de Ciclocrós, pero o primeiro barro da temporada non freou en Marín aos dominadores deste arranque do curso. O elite Jacobo Ucha (Québici-Marcisport) e a júnior portuguesa Ana Santos repetiron triunfos na segunda xornada do certame autonómico. Ao igual que unha semana antes en Poio, o Xaxán CX tamén roldou a espectacular cifra dos 400 inscritos.

O XSM-Escola Irene Trabazo estreouse como organizador dun evento de ciclocrós e á anfitrioa no circuíto de Chan de Gagán resistíuselle a vitoria na proba raíña feminina. A marinense Irene Trabazo non puido coa lusa Santos. A júnior portuguesa respondeu impoñendo o seu ritmo ao ataque inicial da sub23 galega e rematou exhibíndose nas cinco voltas a un trazado de 2,7 quilómetros de lonxitude. A súa compatriota Rafaela Ramalho fíxose coa terceira praza superando ao sprint a Laura Capa (Farto) nun duelo entre juniors.

A chuvia que caera nas horas previas ao Xaxán CX volveu facer acto de presenza nas dúas últimas voltas da competición elite e sub23 masculina. A esas alturas da carreira, Ucha xa rodaba en solitario tras ter soltado de roda ao luso Vítor Santos no sexto e antepenúltimo xiro.

O porriñes e o luso protagonizaron un cara a cara no que o corredor do Marcisport actuou con sangue frío: “Despois de atacar na segunda volta, tiven dúas caídas e decidín ir un pouco máis a modo porque neste circuíto é moi doado cometer erros. Sabía que levaba un punto máis que o portugués”. A estratexia de Ucha deulle a vitoria cun tempo de 58 minutos e 53 segundos.

Santos rematou a 19” e ao terceiro chanzo do podio elite subiu Jorge Punzón. O corredor do Cosmos asinou unha meritoria remonta, recuperándose dunha caída sufrida na primeira volta e conseguindo chegar ata a roda de Luis Fernández Oliveira (Avanza), a quen bateu nos metros finais.

Os outros triunfadores da xornada como gañadores das súas categorías foron Uxía Soto (Avanza) e Ricardo Buba (Coruxo) en cadetes, Miguel Rodríguez (Ponteareas) nos juniors; Jorge Suárez (Supermercados Froiz) nos sub23, Xoana Regueira (Salvaterra) nas elites, Rocío Blanco (A Forna) e Darío Otero (Compostelano) en máster-30, Rogerio Matos nos máster-40, Isabel Castro (Condado Bike) nas máster-40/50, Antonio Sousa nos máster-50 e Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60.

Cinco novos líderes

 Os maillots da Copa Galicia cambiaron de posuidores en cinco rankings. Xoana Martínez sitúase á fronte das elites, Uxía Soto asalta a primeira praza nas cadetes, Marcos Mayo (Noela) pasa a encabezar a táboa dos máster-40, Miguel Rodríguez é o novo líder entre os juniors, mentres que nos máster-30 Darío Otero iguala a puntos no máis alto con Andrés Calvete (Monte Xalo).

O resto de categorías seguen tendo como dominadores ao cadete Buba, á júnior Santos, á sub23 Trabazo, ao sub23 Suárez, ao elite Ucha, á máster-30 Blanco, á máster-40 Estela Lago (Bike O Facho), ao máster-50 Sousa e ao máster-60 González Ojea.

A entrega de premios, pasada por auga, comezou cun recoñecemento do XSM-Escola Irene Trabazo ao concelleiro Antonio Traba polo seu apoio ao ciclismo. O edil marinense participou no reparto de trofeos xunto ao seu compañeiro de goberno Antonio Caíña, á corredora Irene Trabazo e a Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

A Copa Galicia descansa agora ata novembro, cando regresará con forza celebrando a súa terceira xornada o 1 de novembro en Culleredo e ao día seguinte disputarase a cuarta no circuíto ferrolán de Esmelle.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo