Iván García, Ouro; Alma Pérez, prata e Miryam García e Arlet Ortiz, bronces no Open de Polonia

0

A Coruña, 13 de setembro de 2021. Esta fin de semana celebrou o Open de Polonia cunha gran participación de taekwondistas galegos e magníficos resultados: Iván García foi ouro; Alma Pérez, prata e Miryam García e Arlet Ortiz lograron a medalla de bronce.

Iván García (+87, Mat ́s) fixo unha moi boa competición, ante rivais duros. No primeiro combate superou ao representante de Ucraína Serhii Babenko de forma clara (22-11). Na semifinal enfrontouse a Cem Unlusoy (Alemaña) e volveu ser moi superior (20-6), para plantarse así na final. Aquí esperaba Iván Sapina (Croacia) un vello coñecido de Iván ao que lle tiña gañas, xa que hai varias tempadas, en -87 quilogramos, perdera en dúas ocasións. Sapina viña ademais de competir nos Xogos e, por tanto, era unha boa referencia para o noso taekwondista. E a resposta de Iván foi excepcional vencendo por 20-8 e logrando o ouro no Open de Polonia.

 

Alma Perez (-53, Suh Boiro) fixo un total de catro combates para acadar a medalla de prata. No primeiro superou con absoluta notoriedade (30-4) a Sara Mouch (Países Baixos), para posteriormente enfrontarse en cuartos de final a Julia Ronken (Alemaña), ante a que logrou unha vitoria cómoda (18-7). Na semifinal tivo como rival a Luca Patakfalvy (Hungría), que fora a deportista coa que Alma perdera no Europeo sénior no mes de abril,n pero nesta ocasión a galega fixo un gran combate e venceu por 12-7. Na final loitou ante Laura Rodríguez, e aquí a galega non estivo cómoda e cometeu varios errores, polo que caeu por 15-3. Prata para Alma!

Miryam García (Patiño) foi bronce en -62 quilogramos. Comezou o Open ante Julie Ramsey (Noruega) e a nosa deportista foi moi superior, gañando por diferenza de +20. No segundo combate enfrontouse a Csenge Patakfalvy (Hungría), nunha loita moi axustada, na que a galega venceu para meterse nas semifinais. Alí esperaba a cabeza de serie número 1 e campioa de Europa, Bruna Vuletic (Croacia), coa que xa se enfrontará hai uns días no Open de Estonia. Miryam plantou cara de principio a fin, tanto que o combate tivo que decidirse no punto de ouro, e foi a favor de Vuletic.

E rematamos coa última medalla galega, que foi para Arlet Ortiz (-57, Mat ́s). Arlet gañou no primeiro combate á croata Lea Spehar por diferenza de vinte puntos (4-24), cunha gran actuación. Posteriormente, enfrontouse á lituana Klaudija Tvaronaviciute, unha deportista habitual no Grand Prix e a nosa taekwondista foi dominando o combate para finalizar cun triunfo cómodo (11-3). E na semifinal, unha recente coñecida, Faith Dillon (Estados Unidos), medallista europea e que superou a semana pasada no Open de Estonia a Arlet. Repetiuse a vitoria para a estadounidense (14-24), e medalla de bronce para a galega Arlet Ortiz.

Houbo máis galegos no Open de Polonia, como Tania Castiñeira ou Manu Parada, pero nesta ocasión non puideron estar nos primeiros postos.