A Coruña, 11 de abril de 2021. Iván García (Mat ́s, +87 quilogramos) logrou a medalla de bronce no Campionato de Europa Sénior de Sofía, que se celebrou estes días. Era o primeiro Europeo sénior para o noso deportista que volveu a amosar o magnífico estado de forma no que se atopa e logrou así a súa primeira medalla continental.

En primeira rolda enfrontouse ao deportista de Macedonia Dejan Georgievski. Foi un combate complicado, no que Iván non se atopaba cómodo, ante un rival moi desorganizado, pero como ía por diante no marcador con comodidade, foi controlando a pelexa para lograr a vitoria final por 24-11.

Nos cuartos de final, Iván volveu a enfrontarse con Radik Isaev (Azerbaián), tal e como xa fixera no Open de Turquía na final, e con triunfo do galego. Iván volveu usar as mesmas armas e, con paciencia e concentración, foi minando pouco a pouco a Isaev (ouro olímpico en Río e campión do mundo). Así, nun combate tenso e intenso, impúxose Iván por 16-19 e logrou a clasificación para as semifinais, garantindo así a medalla no torneo continental.

O rival en semifinais foi o bielorruso Arman-Marsha Silla, varias veces campión de Europa no peso pesado e un deportista enorme, cunha gran pegada, ante o que sufriu moito Iván, que acusaba duramente cada impacto do bielorruso, tremendamente potente. Na final, Silla logrou o título de campión de Europa.

Así rematou, coa magnífica medalla de bronce, o paso de Iván García polo seu primeiro Europeo Sénior. E pechou tamén unha mini xira de tres torneos de altísimo nivel, cun balance dun ouro (Open de Turquía), unha prata (Open de Sofía) e un bronce (Campionato de Europa). Ao remate da súa participación, Iván manifestaba a súa enorme satisfacción polo resultado: “Estou súper contento, por culminar este evento desta forma e, sobre todo, despois dos campionatos que fixemos anteriormente. É espectacular”.