Foto: Lizzie Haumesser

Na conta atrás para o Campionato de España de Ciclocrós, que se celebrará en Pontevedra o 11 e o 12 de xaneiro, Iván Feijoo mide o seu estado de forma competindo xunto aos mellores especialistas do mundo. O vixente campión estatal sub-23 goza do Nadal enchéndose de barro en Bélxica e Francia. Catro probas en oito días son o seu menú para estas festas.

A primeira cita nesta xira do ciclista alaricano tivo este domingo como escenario a localidade belga de Namur. Na sexta xornada puntuable da Copa do Mundo, marcada polo frío e a choiva, o corredor do Nesta asinou unha espectacular remonta despois de ter dado cos seus ósos no chan ao inicio da carreira. A súa reacción permitiulle acabar entre os 20 primeiros.

«Circuito moi duro, aínda así logrei saír ben pero na primeira volta unha caída deixoume moi atrás. A partir de aí aos poucos puiden remontar e ir pasando a xente ata acabar 18.º, pero coas sensacións de que podiamos estar na pelexa polo top-10», valorou o de Allariz.

«En Zolder teremos unha nova oportunidade», comenta Feijoo, que este xoves volverá á carga noutro evento da Copa do Mundo. O tríptico belga pecharase o venres en Loenhout e o domingo o ourensán competirá no circuíto francés de Crouchaux antes de regresar a casa para despedir o ano en Galicia. Un intenso calendario coa ollada sempre posta na defensa do título estatal que realizará na Illa das Esculturas.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo