O alaricense Iván Feijoo aumentou a súa colleita de podios en campionatos estatais. Desta vez non o pasou nada ben para lograr a terceira posición. O catalán Jofre Cullel dominou dende o principio, co ourensán a 20” na segunda posición ao término da primeira volta. As sensacións do biker do Academia Postal – Actyon – MMR non eran boas e foi alcanzado no segundo xiro polo murciano David Campos, que soltou ao galego no terceiro parcial. A partir dese momento, Feijoo centrouse en garantir o seu posto no caixón.

“Na primeira volta xa me decatei de que non ía. Saín a dalo todo, pero non tiven o meu día. Incluso tiven que parar a vomitar e dende entón só pensei en rematar, en intentar manter o sitio no podio”, comentou o júnior de Allariz, que finalizou a 3:43 do gañador Cullel. Adrián Barros, o outro representante galego nesta carreira, clasificouse no posto 25º.

Na proba raíña masculina os corredores do MMR asinaron un dobrete, con triunfo para o valenciano David Valero e segunda posición para o ourensán Pablo Rodríguez. Os dous marcháronse por diante dende o principio e na terceira volta Valero abandonou a compañía de Rodríguez.

O élite galego viu amenazada a prata por Carlos Coloma (Primaflor), que a falta de dúas voltas situouse a 18”. Pero o medallista olímpico non aguantou o rítmo e Rodríguez acabou baténdoo por 1:14. En canto aos bikers da Selección de Galicia, Manuel Parada completou esta carreira no posto 21 e Saúl López, no 36.

 

Primeiro título estatal

O gran éxito galego nestes campionatos protagonizouno Isabel Castro. A ciclista de ponteareas venceu na categoría máster-40B con 1:18 de marxe sobre Nuria Espinosa (Catalunya). O terceiro chanzo do podio correspondeulle a María Arias (Castilla La Mancha).

“Estou moi contenta, por fin teño un maillot de campioa de España”, indicou a representante do Condado Bike, que por primeira vez se colgou o ouro nunha cita estatal: “Levaba moito tempo buscándoo e conseguino nun circuíto moi bonito. Malia que teño dous puntos no xeonllo por unha caída que sufrín o sábado, na carreira atopeime ben”.

No resto de carreiras femininas, a sub23 Irene Trabazo rematou sétima na súa categoría, mentres que as juniors Sara Vila e Alba Arias finalizaron duodécima e decimoquinta respectivamente.

Comentarios