Iván Feijoo, Lara Lois e Saúl López revalidan na Xaxanbike os seus títulos autonómicos de XCO

0

 

O Cross Country Olímpico galego regresou este sábado á normalidade previa á pandemia. O sub23 Iván Feijoo (BH Templo), a elite Lara Lois (Extol MTB Team) e o elite Saúl López (Academia Postal-Abanca) revalidaron na Xaxanbike os títulos autonómicos de XCO que conseguiron en xullo de 2019 en Montefaro. Os favoritos tamén cumpriron co seu papel nas outras oito categorías que competiron no Campionato Xunta de Galicia celebrado na localidade pontevedresa de Marín.

Case 200 bikers participaron na cita organizada polo XSM. O club anfitrión traballou arreo e preparou en Chan de Gagán un circuíto que estivo á altura da carreira máis importante do ano no calendario autonómico desta especialidade do BTT. Un trazado moi técnico, curto e que polas chuvias das horas previas presentou un terreo húmido.

Tanto na carreira elite-sub23 feminina como na masculina os gañadores abriron oco na volta inicial. Entre as mulleres, Lara Lois impuxo un ritmo que ningunha das súas rivais puido seguir dende as primeiras pedaladas e conquistou con comodidade a súa terceira coroa consecutiva de campioa de Galicia de XCO. A grovense do Extol venceu cun tempo de 1 hora 12 minutos e 20 segundos e no podio acompañárona a segunda clasificada Diana Blanco (Bicicletas Chinquena) e a terceira Aida García (Team Farto).

Tampouco houbo que agardar demasiado para que Iván Feijoo se marchara en solitario na proba raíña masculina. O sub23 do BH Templo finalizou a primeira das sete voltas con 28” de vantaxe sobre Saúl López e Brais Sendín (Lasal Cocinas-Louriña). Neste dúo elite, o defensor do título soltou ao seu acompañante no terceiro xiro a Chan de Gagán e lanzouse a prolongar unha hexemonía iniciada no 2018.

Detendo o reloxo en 1:22:05, Feijoo fíxose coa vitoria absoluta con 59” de marxe sobre López e con 2:07 respecto a Sendín. O alaricano subiu ao chanzo máis alto do caixón sub23 escoltado por Andrés Valcárcel (Monforte) e David Fernández (Avanza-O Porriño), segundo e terceiro respectivamente, mentres que o bronce elite correspondeu a Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño).

 

Juniors e Cadetes

Os maillots de campións de Galicia si que cambiaron de propietarios no resto de categorías. Miguel Rodríguez superou nos juniors a Anxo Carril (Coruxo) e a terceira praza ocupouna Ricardo Buba (Vigo-Rías Baixas). Outro triunfo contundente asinouno nas juniors Laura Mira (Avanza-O Porriño) por diante de dúas corredoras do Cambre Caeiro: Sofía Álvarez e Carmen Mallo.

Máis emocionantes estiveron as carreiras cadetes. María Filgueiras (Caimanes Betazos) bateu por 15 segundos a Uxía Soto (Avanza-O Porriño) e Aroa Otero (Avanza-O Porriño) completou o podio. Por unha diferenza similar Tomás Pombo (Cambre-Caeiro) acabou dobregando nos rapaces cadetes a Danny Buba (Coruxo), con Martín Sestelo (Avanza-Porriño) concluíndo terceiro.

 

Masters

O Club de Montaña Xesteiras rubricou un dobrete nas categorías masters. Manuel Ángel Parada impúxose no grupo de idade dos 30 anos, carreira na que Rubén Deaño (Ourense Termal) colgouse a prata e Fernando Díaz (Os Eskornabois), o bronce. En canto aos másters-40, Alejandro Trasbach deulle o título ao equipo de Cuntis nun vibrante desenlace no que Constantino Muñoz (Grupetta Pan de Zarko) bateu ao esprint a Iván Pereira (Xesteiras).

O conxunto dominador nos masters-50/60 foi o Barbanzabike. Manuel Castro celebrou a vitoria por todo o alto na liña de meta e o seu compañeiro José Ramón Castelo terminou segundo. Nesta carreira tamén obtiveron premio Manuel Castro (Bici Verde) como terceiro clasficado e José Manuel González (Academia Postal-Abanca), gañador entre os bikers de 60 anos. Pola súa banda, Silvia García (Bici Verde) levouse o man a man con Rebeca Muñoz (Ribadumia) nas masters-40.

O coordinador de Deportes do Concello de Marín, Antonio Caíña Fortes, acompañou ao presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz, no peche dunha xornada que arrancara co Mini BTT da Xaxanbike, un evento que congregou a máis de 400 cativas e cativos.