A terceira edición da Copa Galicia de Ciclocross celebrou este sábado a súa decimoterceira e última xornada na localidade ourensá de Maceda. Un total de 250 corredores participaron no ‘X Ciclocross Castelo de Maceda’, unha cita disputada con temperaturas pouco habituais para tratarse desta época do ano, ao redor dos 14-15 graos, e nun bo circuíto.
Os representantes do Academia Postal – Actyon – MMR de Maceda conseguiron tres vitorias para o clube anfitrión. Iván Feijoo fixo valer a súa condición de líder do ranking elite e sub23 do certame autonómico para asinar o seu décimo triunfo do curso. O alaricano venceu con 1:23 de vantaxe sobre o tamén sub23 Samuel González (Salvaterra). O terceiro posto da súa categoría e da carreira absoluta ocupouno Román Saa, compañeiro de equipo do gañador. Adrián Valverde (Club Ciclista Rías Baixas), cuarto, foi o primeiro elite.
Outro éxito do conxunto local protagonizouno o junior Carlos Canal nunha sensacional carreira na que superou a Adrián Barros (Coruxo) e ao gañador da clasificación xeral Jorge Suárez (Cidade de Lugo – Esturión), segundo e terceiro respectivamente en Maceda.
A carreira raíña feminina dominouna con solvencia Isabel Castro (Condado Bike). Os 150 puntos acadados con este triunfo servíronlle para situarse primeira no ranking absoluta adiantando á sub23 Irene Trabazo (Marín Ottoman), que non participou nesta xornada ao atoparse competindo en Bélxica. A segunda praza entre as mulleres correspondeulle á vencedora júnior Andrea García (Cambre – Renault Caeiro) e terceira foi a tamén júnior Alba Arias (Arteixo MB3).
O cadro de gañadores en Maceda completárono Noela Saa (Academia Postal – Actyon – MMR) e Rubén Sánchez (San Sebastián de los Reyes) en cadetes, Montserrat Martínez (Viana) nas masters, Luciano Carretero (Cambre – Renault Caeiro) nos masters-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos masters-40 e Javier de la Fuente (Norinver) masters-50/60.
Gañadores dos rankings
Na cerimonia de podio os encargados de repartir os trofeos foron Pablo Rodríguez, o especialista en XCO do MMR Team; José Hermida, pai do excorredor José Antonio Hermida; e Francisco Novoa, presidente do grupo Academia Postal; mentres que o presidente da Federación Galega de Ciclismo (FGC), Juan Carlos Muñiz; e a secretaria da FGC, Begoña Carpinteiro; entregaron os diplomas e maillots dos rankings finais da Copa Galicia.
Os triunfadores do certame autonómico no 2017 foron: Noela Saa e Miguel Rodríguez (Ponteareas) en cadetes, Andrea García e Jorge Suárez en juniors, Iván Feijoo e Irene Trabazo en sub23, Isabel Castro e Darío Otero (Muebles Compostela) en elites, Montserrat Martínez nas masters, Luciano Carretero nos masters-30, Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas) nos masters-40 e Javier de la Fuente nos masters-50/60. Ademais, o Academia Postal – Actyon – MMR recibiu de mans de Rubén Quintas, alcalde de Maceda, o premio como mellor equipo da Copa Galicia de Ciclocross 2017.
A próxima proba do calendario galego de ciclocross é a máis agardada da temporada. Santiago de Compostela acollerá o domingo 31 de decembro o Campionato de Galicia.