Iván Feijoo e Irene Trabazo, primeiros sub-23 na proba UCI C2 de Manlleu

0
Foto: Nesta

Catro corredores galegos están disputando durante esta ponte de novembro o tríptico de probas catalanas puntuables para os rankings da Unión Ciclista Internacional (UCI). Na segunda destas citas de nivel C2, disputada este sábado en Manlleu, os podios sub-23 tiveron a dous dos nosos representantes no máis alto.

Iván Feijoo (Nesta) acadou a súa primeira vitoria internacional desta temporada. O alaricano rematou sétimo, a 1:45 do gañador elite Felipe Orts (Teika-Gsport-BH), e superando en 35″ ao segundo sub-23 Xabier Murias (Gela Pedagogikoa). «Cada día atópome máis recuperado da enfermidade da semana pasada. Durante a carreira puiden pelexar polo quinto posto, aínda que o sétimo final non me senta nada mal, xa que me vale para impoñerme na miña categoría», sinalou o ourensán.

En Manlleu, o limiao Carlos Canal (Burgos BH) obtivo a cuarta praza sub-23 e a decimoterceira absoluta. Vintecatro horas antes en Les Franqueses, Feijoo rubricara a segunda posición sub-23 (sexto absoluto) e Canal, a sétima sub-23 (21º absoluto).

Tamén estreou a súa nómina de triunfos internacionais esta campaña Irene Trabazo. A sub-23 do XSM finalizou en Manlleu oitava, a 2:31 da vencedora elite Lucía González (Nesta), e con 1:12 de marxe respecto á segunda sub-23 Emma Roger (Sismic). A marinense iniciara este desprazamento a Catalunya cunha segunda praza na súa categoría en Les Franqueses, onde cruzou a liña de meta en novena posición da carreira raíña feminina.

O outro representante do XSM, o júnior Zoe del Río, sumou en Manlleu os seus primeiros puntos UCI ao lograr o sétimo posto. A xornada anterior clasificárase 22º.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo