Iván Feijoo e Irene Trabazo coroáronse campións de Galicia de ciclocross en Santiago

0

O ciclocross galego puxo o broche de ouro a súa temporada cunha xornada que se recordará polas adversas condicións atmosféricas. Con alerta laranxa por chuvia e vento o circuíto santiagués do Estadio de San Lázaro acolleu o Campionato de Galicia na mañá do último día do ano. Os sub23 Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – MMR) e Irene Trabazo (Marín Ottoman) ratificaron a súa condición de grandes dominadores autonómicos desta modalidade sobre o enlamado trazado deseñado polo Clube Ciclista Compostelano – Muebles Compostela.

A proba máis agardada do calendario resultou épica. A chuvia caeu con gran intensidade durante as primeiras carreiras e cando comezou a remitir fixo acto de presenza outro tipo de ‘cicloxénese’ na capital de Galicia. Iván Feijoo arrasou na competición raíña masculina e subiu ao máis alto do podio no seu primeiro ano na categoría Elite e Sub23. A súa potencia atopou na dureza dun circuíto cheo de barro o escenario ideal para non dar opción aos seus rivais.

O alaricano do Maceda marchouse en solitario na segunda volta e proclamouse campión tras 58 minutos e 52 segundos de exhibición. A 1:38 chegou o segundo clasificado, o tamén sub23 Samuel González (Salvaterra). Coa terceira posición e co título elite fíxose Adrián Valverde. O baionés do Club Ciclista Rías Baixas entrou a 3:11 do gañador e no podio estivo escoltado por Óscar Vázquez (OVCBikes) e Luis Fernández (Avanza), cuarto e quinto respectivamente na táboa absoluta. Sexto rematou o elite Martín Lestido (Supermercados Froiz) e sétimo Pablo Álvarez (Cambre Renault Caeiro), que foi o terceiro mellor sub23.

Tamén se cumpriron os prognósticos na carreira estrela feminina. Irene Trabazo triunfou con absoluta solvencia. A sub23 do Marín Ottoman aventaxou en 3:38 á elite Lucía Vázquez (ProRebordosa) e a terceira praza correspondeulle á gañadora junior Andrea García (Cambre Renault Caeiro). O póquer de campioas nesta proba completouno a máster Montserrat Martínez (Viana), sétima na táboa absoluta.

 

Dous títulos máis do Maceda

A outra triunfadora feminina en Santiago foi Aida González. A cadete do Academia Postal – Actyon – MMR superou a súa compañeira de equipo e defensora do título Noela Saa. As dúas corredoras do Maceda estiveron acompañadas no podio por Laura Capa (Farto).

A estructura ourensá sumou o seu terceiro ouro nos juniors. O limiao Carlos Canal dobregou a Adrián Barros (Coruxo) nun apaixoante duelo que se decantou por 32” de diferencia. Jorge Suárez (Cidade de Lugo – Esturión) concluíu terceiro.

Pola súa parte, Miguel Rodríguez (Ponteareas) amosouse intratable nos cadetes. Venceu cunha renda de máis dun minuto sobre Jorge Fernández (Coruxo), que mantivo unha disputadísima pugna polo segundo posto con Zoe del Río (Marín Ottoman).

 

Masters

De emoción tampouco estiveron exentas as competicións masters masculinas. Luciano Carretero (Cambre Renault Caeiro) adxudicouse a categoría master-30 con 45” de marxe sobre Alejandro Mesías (CiclosQuintena) e con 1:06 sobre Andrés Calvete (Cambre Renault Caeiro).

A sorpresa chegou nos masters-40 co triunfo de Juan Bello. O representante da Asociación Galega de Ciclistas volveu demostrar que lle ten tomada a medida ao circuíto de San Lázaro e repetiu o éxito acadado na carreira da Copa Galicia celebrada este curso en Santiago. A 15” de Bello entrou o asturiano Marco Antonio Prieto (MMR Bikes) e a 50” Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas).

Por último, Marcial Rodríguez conservou a súa coroa nos masters-50/60. O porriñés do Québici-Marcisport distanciouse en 25” de Javier de la Fuente (Norinver) e terceiro terminou Javier Lago (Spol).

Na entrega de premios participaron Miguel López Sieiro, subdirector xeral de Deportes da Xunta de Galicia; Noa Morales, concelleira de Deportes de Santiago; Manuel Paz, presidente do Club Ciclista Compostelano – Muebles Compostela; José Fernández, representante de Muebles Compostela; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

Este campionato pechou unha temporada para a lembranza no ciclocross galego con catorce probas e unha media de participación de 250 corredores. A seguinte cita para os especialistas nesta modalidade será na segunda fin de semana de xaneiro o Campionato de España na localidade guipuscoana de Legazpi.