Dous bikers galegos subiron este sábado en Valladolid ao terceiro chanzo do podio na xornada inaugural do Campionato de España de XCO 2020. Iván Feijoo (Selección de Galicia) colgouse a medalla de bronce na proba sub23, o mesmo resultado que Manuel Ángel Parada (Rsbike Boiro) obtivo na categoría máster-30A. Outra destacada actuación asinouna Miguel Rodríguez, quinto na carreira júnior lucindo as cores do combinado autonómico.

O alaricano Feijoo aínda non contaba no seu espectacular palmarés cun metal sub23 a nivel estatal na modalidade de Cross Country Olímpico. Actual campión de España de ciclocrós, o ourensán atopouse no circuíto pucelano do Cerro de las Contiendas un escenario ao que está moi acostumado: un terreo enlamado polas chuvias caídas na noite anterior e na primeira metade da carreira.

Dende a primeira das seis voltas ao trazado vallisoletano de 5,2 quilómetros de lonxitude, cumpriuse o guión previsto. O gran favorito Jofre Cullell (Megamo) marchouse en solitario e Feijoo situouse segundo, máis pendente dos seus perseguidores que do primeiro clasificado. O representante da Selección de Galicia chegou a contar con máis dun minuto de vantaxe sobre un terceto no que David Campos (Murcia) soltou de roda aos seus acompañantes no cuarto xiro.

 “Sabía que viña  a loitar polo segundo posto. A metade de carreira ía bastante ben, con distancia sobre o terceiro, pero na quinta volta tiven varios problemas mecánicos seguidos”, sinala Feijoo, penalizado polas avarías. Campos aproveitou os contratempos do galego para adiantalo e acabar baténdoo por 43 segundos. O de Allariz, que entrou a case 5 minutos de Cullell, non deixou escapar o bronce e na meta avantaxou en 38” a Julen Latorre (Kross Team).

Con esta medalla Feijoo quítase a espiña das súas dúas anteriores participacións como sub23 no Campionato de España de XCO. “Téñoo preparado bastante mellor, pero respondín bastante ben fisicamente e estou contento”, afirma o ciclista de 21 anos, que segue unha planificación enfocada cara a temporada de ciclocrós.

A continuación da carreira sub23 disputouse a júnior, con Miguel Rodríguez acadando o quinto posto. O ponteareán quedou a 1:20 da terceira praza e no top-10 tamén finalizou Marco Nube Lema (Academia Postal-Maceda), décimo na táboa. Pola súa banda, Anxo Carril e Gabriel Conde, ambos co maillot da Selección de Galicia, terminaron 34º e 39º respectivamente.

Medalla máster

A colleita de metais para a delegación galega arrancou con Manuel Ángel Parada na categoría máster-30A. O do Rsbike Boiro conquistou o bronce ao esprint, impoñéndose na recta final a Álvaro Martín (Bikes Armilla). O compañeiro de equipo do galego, Iván Pereira, rubricou a sétima posición nos máster-30B, mentres que Miguel Ángel Arias (Extol MTB) rematou oitavo nos Máster-40B e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas), a cuarta nos máster-50B.

Este domingo a xornada de clausura está reservado para os dous pratos fortes do campionato. Tres galegas, a elite Lara Lois e as sub23 Irene Trabazo e Andrea García, defenderán os intereses do combinado autonómico dende as 10:30 na competición feminina, mentres que ás 12:15 poranse en marcha os elites masculinos con Saúl López, Alberto Pedreira e Jorge Punzón como integrantes do trío de Galicia. Nesta categoría un dos candidatos á vitoria é o ourensán Pablo Rodríguez (BH Templo).