Isabel Castro cólgase en Bélxica a medalla de bronce no Mundial Máster de ciclocrós

0
Foto: Luz Iglesias

Na localidade belga de Mol, na provincia de Amberes, Isabel Castro subiu este venres ao podio do Campionato do Mundo Máster de ciclocrós. A corredora do Condado Bike obtivo a terceira posición na categoría 50-54 anos. Oitava clasificada no 2018 neste mesmo escenario, a actual líder da Copa de España máster-50 exhibiu o gran nivel que leva amosando durante toda a temporada.

A ponteareá desprazouse en furgoneta ata Bélxica coa ambición de rematar entre as cinco primeiras e o resultado asinado mellorou as súas expectativas. Castro incluso tivo opción de colgarse a medalla de prata, da que se quedou a menos de 20 segundos. A galega foi a única representante española entre as doce ciclistas que tomaron a saída.

Marianne Van Leeuwen (Ulysses Amsterdam) impúxose de xeito incontestable, cun tempo de 26 minutos e 35 segundos, nun circuíto no que os sectores de area son os que máis marcan a diferenza. A 1 minuto e 45 segundos da gañadora entrou Helen Pattinson (Hargroves-Montezumas) e a 19″ da segunda clasificada concluíu Castro, que superou en 35″ a Helen Dussek (Garden-Scott), cuarta na meta de Mol.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo