Iria Rodríguez e Martín Carrera, Campións do IV Tríatlon Popular Porriño-Tui

0

 

Na categoría feminina a gran atracción era a triatleta local Iria Rodríguez, que non defraudou. A pesar da súa idade, aínda é cadete, Iria non sentiu a presión de “xogar” en casa e dominou a proba dende o primeiro segmento e cunha facilidade incrible. Xa na natación sacou máis de dous minutos a segunda clasificada e aínda así non se relaxou en momento algún. Foi a segunda na bicicleta e volveu a superar a todas as participantes no terceiro segmento de carreira a pe. O tempo final da gañadora foi de 01:09:25. A segunda posición foi para Inés Castaño (Arcade Inforhouse) cun tempo de 01:13:54 e o terceiro posto foi para Nerea Castro (Tríatlon Poio).

Na categoría masculina Martín Carrera (Natación Riveira) revalidou o triunfo do pasado ano. A natación foi decisiva para Carrera, xa que saíu da auga xunto a dous compañeiros de club (Jorge González e Mauro Paredes) con máis de 40 segundos de vantaxe sobre o cuarto. Na bicicleta, Martín Carrera logrou deixar atrás aos seus compañeiros de escapada e marchou en solitario cara ao triunfo. Chegou a liña de meta cun tempo de 01:01:46, mentres que Jorge González acadou a segunda posición (01:02:19) e Ismael López (Tríatlon Vilagarcía) foi terceiro (01:02:23), nun emocionante desenlace.

A proba comezou na localidade de Tui, coa celebración do segmento de natación (750 metros) no río Miño; o sector de bicicleta (20,2 quilómetros) realizouse entre ambas localidades, e o segmento de carreira a pe (5 quilómetros) descorreu polo casco urbano do Porriño.