Irene Trabazo, Iván Feijoo e Javier de la Fuente, campións da Copa de España de Ciclocross 2015

0

Triplete dos corredores galegos nas clasificacións xerais finais da Copa de España de Ciclocross. Irene Trabazo e Iván Feijoo selaron  na última proba celebrada en Valencia os seus títulos en Junior, mentres que Javier de la Fuente xa certificara o seu triunfo en Master-50 hai varias xornadas.

A carreira junior feminina comezou coa noticia de que a representante do C.C. Marín saía xa como vencedora virtual despois de que o Comité de Competición da RFEC aceptara o recurso da corredora contra a sanción de 25 puntos por saír en Elorrio sen a camisola de líder da competición. Trabazo, con todo, quixo ratificar o seu liderado cunha vitoria de prestixio en Valencia, onde non tivo rival na súa categoría e ademais foi capaz de quedar novena scratch (ao ser proba internacional elaborábase unha clasificación conxunta coas maiores).

Moitos máis apuros pasou Iván Feijoo na pugna polo título en Junior masculino. O ciclista do Maceda chegaba vestido de líder, pero sufriu unha avería que o puxo contra as cordas. Gañador a pasada campaña da categoría Cadete, o ourensán pelexou ata o final para remontar posicións e acadar o quinto posto na liña de meta, que foi suficiente para asegurar a vitoria na xeral.