Fotos: Luz Iglesias

O ciclocrós galego conseguiu o que hai uns meses semellaba unha utopía debido á crise sanitaria provocada pola covid. Aplicando estritos protocolos e grazas ao esforzo de todos os estamentos, en pouco máis dun mes logrou celebrar cinco xornadas da súa Copa e o campionato autonómico. Este calendario ‘express’ e adaptado ás restricións da pandemia concluíu este domingo no Club de Campo de Ferrol con Irene Trabazo (XSM) e Saúl López (Academia Postal-Maceda) ratificando a súa hexemonía nas categorías Elite.

Esta atípica temporada presentou complicacións ata a última cita. O Club BTT Esmelle, organizador do Campionato de Galicia, decidiu adiantar o horario de varias carreiras para evitar a alerta laranxa por fortes ventos decretada a partir das 15:00 horas. O cambio permitiu que as competicións se puideran disputar con normalidade. A chuvia non fixo acto de presenza e a escaseza de barro provocou que os treitos de subida marcasen as diferenzas nun circuíto de perfil duro.

A esixencia do trazado pasou factura a varios dos candidatos ao podio na categoría elite-sub23 masculina despois dunha explosiva posta en escena. Mauro González encargouse de lanzar a proba e o ritmo marcado polo do Salvaterra aproveitouno Saúl López. O campión autonómico no 2018 e no 2019 pasou ao ataque na segunda volta e dinamitou o grupo de nove unidades que marchaba en cabeza. A roda do monfortino tan so a seguiu Daniel López (Cambre-Renault Caeiro), que antes de alcanzar o ecuador da carreira comezou a ceder segundos respecto ao defensor do título.

Saúl López completou as cinco voltas en 47 minutos e 39 segundos, revalidando a súa coroa por 1:06 de diferenza sobre Daniel López. Por detrás, estableceuse unha dobre batalla no cuarteto que perseguía aos dous primeiros e o Avanza-O Porriño acabou saíndo vitorioso de ambas pugnas. Luis Fernández Oliveira superou a Jorge Punzón (Cosmos) no pulso pola terceira praza elite e David Fernández bateu a Ángel Maneiro (Toxo) nun axustado final co título sub23 en xogo. O podio desta categoría completouno Jorge Fernández (Vigo-Rías Baixas), penalizado por unha avaría mecánica.

Na proba elite feminina tamén se impuxo a corredora que unha semana antes se proclamara gañadora da Copa Galicia en Maceda. Irene Trabazo dominou de principio a fin en Ferrol e anotouse o seu primeiro título autonómico na categoría raíña cun tempo de 45:58. A segunda clasificada, Xiana Conde (Maceda) entrou a 3:34 da marinense e o terceiro chanzo do caixón ocupouno María Jesús Barros (Spol).

 

Juniors e Cadetes

A emoción da que careceu a competición elite si que se viviu na carreira júnior feminina. Sofía Álvarez (Cambre) resultou unha ameaza para Laura Mira ata os últimos metros, pero a ciclista do Avanza festexou na liña de meta unha vitoria acadada por menos de 3” de vantaxe. Sonia Domínguez (Cambre) fíxose coa medalla de bronce.

Tampouco se deixou sorprender o favorito nos juniors. Miguel Rodríguez (Ponteareas) venceu con solvencia por diante de Ricardo Buba (Coruxo) e Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos), segundo e terceiro respectivamente.

Pola súa banda, as carreiras de cadetes seguiron dous guións diferentes. A masculina resolveuse na última volta con Héctor García (Poio Bike) acabando coa condición de invicto no calendario autonómico de André Martínez (Avanza) e xunto aos dous ciclistas que pelexaron polo triunfo subiu ao podio Tomás Pombo (3AG). Moito menos houbo que agardar na carreira feminina para despexar a incógnita de quen sería a gañadora. María Filgueiras (Caimanes Betanzos) exhibiuse e na entraga de medallas estivo escoltada por dúas representantes do Avanza: Uxía Soto e Marta Estévez

 

Clasificaciones en www.magmasports.es