Irene Trabazo e Miguel Rodríguez dan a benvida á Cañiza ao calendario da Copa Galicia de Ciclocrós

Impoñentes vitorias da elite do XSM e do sub23 do Supermercados Froiz na décima xornada do certame autonómico.

0

Dous eventos bautízanse esta fin de semana na Copa Galicia de Ciclocrós e esta dobre estrea comezou forte. Nun selectivo circuíto a localidade pontevedresa da Cañiza acolleu este sábado a décima xornada do certame autonómico. A elite Irene Trabazo (XSM) e o sub23 Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) atoparon un escenario ideal para asinar dous impoñentes triunfos nas carreiras raíñas do evento organizado pola Grupeta Pan de Zarko.

Aos desniveis que presentaba o I Trofeo Ciclocross Concello de Cañiza sumouse a chuvia que caeu antes de que arrancara a competición na zona do Cámping Carballo do Marco. Un día de puro outono no que pouco tardou en entrar en calor Miguel Rodríguez. O líder absoluto da Copa marchouse en solitario na primeira volta da carreira elite-sub23. O ponteareán abriu oco mentres por detrás estableceuse unha vibrante batalla polo segundo posto entre o líder elite Rubén Deaño (Ourense Termal), o tamén elite Samuel González (Máis Que Bicis) e o sub23 Anxo Carril (Coruxo).

Con Saúl López (Academia Postal-Abanca), gañador unha semana antes en Sanxenxo, sen poder conectar co trío que perseguía a Rodríguez, o sub23 do Supermercados Froiz impúxose cun tempo de 56 minutos e 11 segundos. A súa exhibición traduciuse en 1:15 de vantaxe sobre Deaño, o máis forte na loita por ser segundo. A 17″ do primeiro elite concluíu Carril, cuarto finalizou González e López tivo que conformarse coa quinta praza.

Control e alternativas

Un guión semellante viviuse na competición elite-sub23 e júnior feminina. Irene Trabazo fugouse e a emoción concentrouse na pugna pola segunda posición. As protagonistas dun duelo con alternativas foron Carla Fernández (Team Farto-BTC), líder sub23, e Laura Mira (Supermercados Froiz), primeira clasificada da xeral júnior.

A xuvenil porriñesa chegou a soltar á sub23 viguesa, pero Fernández remontou no treito final e bateu por 3″ a Mira. Ao mesmo tempo que se resolvía o segundo posto, Trabazo erguía os brazos con 18″ de marxe respecto as súas perseguidoras. A marinense rubricou o seu segundo éxito absoluto desta campaña cun rexistro de 41:10. María Jesús Barros (Spol), undécima na Cañiza, continúa á fronte da xeral elite.

No resto das categorías só se contabilizaron tres vitorias de corredoras e corredores que encabezan as clasificacións xerais da Copa: o cadete Tomás Pombo (Cambre-Caeiro), a máster-30 Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas) e a máster-40 Rocío Blanco (A Forna). Sen lucir a camisola de líder venceron a cadete Aroa Otero (Avanza-O Porriño), o júnior Iván Fernández (Vigo-Rías Baixas), o máster-30 Roberto Rodríguez (Bicicletas Chinquena), o máster-40 Moisés Leboso (G.D. 10), o máster-50 Óscar González (Máis Que Bicis) e o máster-60 Manuel González Ojea (Bici O Con). Ás entregas de premios asistiu Luis Piña, alcalde da Cañiza.

A Copa Galicia celebrará a súa segunda cita da fin de semana este domingo en Ribadumia a partir das 09:30 horas.