Irene Trabazo e Iván Feijoo conquistan o Campionato de Galicia de Ciclocrós en Maceda

0

O fin de festa da temporada autonómica mesturou este domingo todos os ingredientes característicos do ciclocrós. O mal tempo, o barro, a emoción e un circuíto do máis completo formaron na localidade ourensá de Maceda o cóctel do Campionato de Galicia 2021. Nunha xornada que honrou á especialidade invernal do ciclismo, as dúas principais referencias galegas nos últimos anos, a elite Irene Trabazo (XSM) e o elite Iván Feijoo (Academia Postal-Abanca), encabezaron o palmarés do XIV Ciclocross Castelo de Maceda-Copa Deputación de Ourense.

Quince títulos puxéronse en xogo no evento organizado polo Club Ciclista Maceda, décimo sétima e última cita do calendario que arrancou a principios de outubro. As primeiras carreiras deste curso non as puido disputar Irene Trabazo debido a unha lesión, un contratempo que non lle impediu despedir o ano revalidando a coroa lograda en Ferrol no 2020.

A marinense dominou con autoridade a proba elite-sub23 e júnior nun escenario enlamado, pero máis esvaradío que pastoso. Trabazo impúxose en solitario, cun rexistro de 42 minutos e 14 segundos, acumulando case tres minutos e medio de vantaxe sobre a segunda clasificada e gañadora júnior Laura Mira (Supermercados Froiz). Terceira rematou a elite Isabel Castro (Condado Bike) e cuarta, acadando o segundo posto entre as juniors, a local Sarela Conde (Academia Postal-Abanca).

O conxunto anfitrión colleitou tres podios máis na carreira raíña feminina. Andrea García, quinta na táboa absoluta, venceu entre as sub23 ao superar a súa compañeira de equipo Noela Saa. As cores do Maceda tamén as luciu a terceira elite, Xiana Conde, e as outras dúas medallas que se repartiron nesta quenda conseguíronas Uxía Soto (Supermercados Froiz), terceira júnior, e Laura Fernández (Avanza-O Porriño), terceira sub23.

Avaría, remonta e emoción

Despois de case tres meses de ciclocrós en Galicia, o derradeiro capítulo da competición elite-sub23 masculina resultou o máis emocionante da campaña 2021. O circuíto deseñado na ladeiras do Castelo de Maceda é coto privado de Iván Feijoo. Neste trazado leva anos acumulando éxitos e non será doado que volva obter un tan vibrante como o deste domingo.

O alaricano, defendendo o uniforme do equipo local, sufriu unha avaría na primeira volta cando rodaba xunto a Miguel Rodríguez perseguindo a Samuel González (Máis Que Bicis). Rompeulle o cable do cambio electrónico como consecuencia de terse enganchado cunha vara. Feijoo perdeu posicións ata poder cambiar de bicicleta, mentres por diante o sub23 Rodríguez situábase primeiro e abría oco. Obrigado a remontar, o elite do Academia Postal-Abanca foi adiantando rivais ata que a falta de dúas voltas para a conclusión alcanzou ao ponteareán do Supermercados Froiz.

A vitoria absoluta decidiuse nos metros finais da carreira. Antes da rampla na que estaba situada a liña de meta, Feijoo cambiou o ritmo e dobregou por 6” a Rodríguez. O de Allariz festexou o seu primeiro título como elite cun tempo de 53:22. O seu compañeiro de equipo Saúl López entrou terceiro, e segundo elite, a 1:31 do vencedor. A cuarta praza correspondeu a Samuel González, a quinta ao tamén elite Rubén Deaño (Ourense Termal) e a continuación concluíron dous ciclistas que pisaron o caixón sub23: Fabián Rodríguez (Supermercados Froiz) e Ángel Maneiro (Vigo-Rías Baixas), sexto e sétimo respectivamente na clasificación xeral.

En canto á categoría júnior, Ricardo Buba (Coruxo) non deu opcións ao resto de xuvenís. Triunfou con case un minuto de vantaxe sobre André Martínez (Avanza-O Porriño). A medalla de bronce foi para Xano Gil (Ponteareas)

Cadetes e masters

Tampouco houbo sorpresas nas probas cadetes. María Filgueiras (Río Miera) retivo o a camisola de campioa de Galicia por diante de Aroa Otero (Avanza-O Porriño) e ao terceiro chanzo do caixón subiu Lorena Patiño (Compostelano). Pola súa banda, Tomás Pombo (Cambre-Caeiro) ergueu os brazos nos rapaces cadetes. Escoltárono no podio Martín Díaz (Caimanes Betanzos), segundo, e Gael García (Compostelano), terceiro.

As cinco horas de carreiras que se viviron en Maceda comezaron coas categorías de masters. Nos grupos de idade femininos, exhibiuse Marina González (Illas Cíes). A primeira clasificada absoluta comandou a táboa máster-40, con Rocío Blanco (A Forna) na segunda posición e Natalia Raña (Corbelo) na terceira. Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas) adxudicouse a camisola de campioa máster-30 e Sonia Costoya (Corbelo), a de máster-50.

Entre os máster-30 masculinos dominou Roberto Rodríguez (Bicicletas Chinquena), con Jonathan Sousa (In Situ) terminando segundo e Miguel Porto (Ponteareas), terceiro. Tamén hai novo campión máster-40. Andrés Calvete (Monte Xalo) destronou a José Rodríguez ‘Tami’ (Norinver), que fixo segundo tras anotarse un axustado final con Moisés Leboso (G.D. 10). Por último, Marcial Rodríguez (Quebici-Marcisport) reconquistou o título máster-50, rematando segundo Óscar González (Máis Que Bicis) e terceiro Juan José Saborido (Speedcross), e tamén recuperou a camisola de campión autonómico máster-60 Manuel González Ojea (Bici O Con), gañador dun grupo de idade no que Antonio González ‘Tucho’ (Salvaterra) colgouse a prata e Constante Lestido (Speedcross), o bronce.

Pablo Rodríguez, biker Elite-UCI de XCO; Ane Santesteban, ciclista profesional de estrada; e Carlos Canal, corredor profesional de estrada, participaron nas entregas de premios xunto a Rubén Quintas, alcalde de Maceda; Ana María Rodríguez, concelleira de Servizos Sociais e Medioambiente; Celso Sánchez, concelleiro e médico do evento; e Óscar Sánchez, directivo da Federación Ciclismo Galego. Ademais dos trofeos do Campionato, tamén se entregaron os da Copa Galicia, certame que rematou a semana anterior en Ponteareas.