Importante triunfo do Victoria FC este domingo no campo de Santa Isabel fronte ó Atlético Arousana. O conxunto santiagués da 1.ª División Nacional (3.ª máxima competición a nivel nacional do fútbol feminino trala 1.ª Iberdrola e a Liga Reto Iberdrola) deu boa conta do colista cun 6-0 no marcador que reflexa o bo momento das ‘rojillas’ que enlazan de novo dúas vitorias consecutivas.

Trala derrota do líder Viajes Interrías ante o Oviedo B (1-2) e os empates do 2.º e 3.º clasificados (CD Monte e Deportivo B, respectivamente) as xogadoras saltaron ó campo co obxectivo de recortar distancias na táboa e completaron un gran encontro ante as de Vilagarcía.

Alba abría o marcador despois de adiantarse de maneira pícara á saída da porteira visitante (1-0, min. 35). O resultado non variou máis antes do descanso, malia gozar as locais de dúas ocasións claras para aumentar a ventaxa.

O Atlético Arousana saiu moi serio dos vestiarios e tivo ocasións para lograr ó empate, pero foi o Victoria FC quen soubo poñer terra de por medio ó aproveitar unha boa contra para que Gara (Miriam Garabato) marcase o 2 -0 coa porteira visitante moi adiantada (min. 52).
A propia Gara firmaba tamén o terceiro logo de transformar unha pena máxima sobre Marta (3-0, min. 57).

Noela tamén se sumou á lista de anotadoras cun cuarto tanto logo doutra contra (min. 59) e Raquel puña o quinto da mañá despois dunha boa transición ofensiva (min. 65).
Por último, Lau estreábase como goleadora do equipo ‘rojillo’ cun golazo de volea no minuto 82.

“O partido estivo moi igualado na primeira metade. Achicaban moi ben os espacios e non fomos quen de ter fluidez co balón”, analiza o técnico do Victoria FC Chivi García. “Na segunda parte xa foi outro encontro completamente diferente. Elas tiveron que arriscar un pouco máis tralo gol da primeira metade e as nosas atopáronse moi cómodas e chegaban con moita facilidade á área rival”, engade. O adestrador compostelán, tralos “pinchazos de todos os rivais de arriba”, suliña que “cobra moita importancia o partido ante o Umia da próxima xornada para xogarnos o terceiro posto fronte ó Dépor na casa antes de que remate a primeira volta”.

Trala xornada, o Victoria mantense cuarto na táboa de 1.ª con 20 puntos, a dous xa do terceiro, o Dépor B.

Nota de prensa del Victoria FC