FICHA TÉCNICA

RC Celta 0-0 Athletic Club

Aliñación RC Celta: Iván Villar, Kevin, Murillo, Araújo, Aarón Martín, Tapia, Denis Suárez, Brais Méndez, Nolito, Iago Aspas e Santi Mina.

Aliñación Athletic Club: Unai Simón; Lekue, Núñez, Yeray, Balenziaga; Berenguer, Dani García, Unai López, Morcillo; Villalibre e Raúl García.

Árbitro: Jaime Latre

Campo: Estadio Municipal de Balaídos

ANÁLISE

Dúas rivais cos mesmos puntos enfrontábanse en Balaídos por asomar a cabeza a Europa. Pero o partido rematou igual que comezou, cos dous equipos empatados. Ambos conxuntos tiveron algunhas ocasións aínda que non houbo goles.

No inicio da primeira metade, o Athletic tivo unha ocasión de Villalibre que conseguiu deter Iván Villar, en substitución de Rubén Blanco que está lesionado. A continuación o Celta combinou e Santi Mina lanzou a porta, pero parou Unai Simón. Acto seguido o dianteiro realizou outro lanzamento que saiu desviado. Os leóns devolveron os golpes por medio de varias accións de Lekue e algúns contragolpes.

No segundo tempo o Celta fíxose co balón, pero non houbo moitas máis oportunidades de gol. Nolito gozou de varias ocasións, con todo non finalizaron de forma clara. Pola súa banda o Athletic puxo en apuros a Iván Villar nun lanzamento de Berenguer, aínda que finalmente o porteiro celeste puido detelo. Coudet deu entrada ao campo a varias pezas de ataque, mais non conseguiron desnivelar o resultado.

Un partido calmo no que ambos equipos saíron beneficiados cun punto. O vindeiro encontro para o Celta volve ser en Balaídos, o sábado ante o Real Madrid. Unha gran proba para rematar de asegurar a permanencia.

highlight_image
Fotografía: LaLiga Santander