Nerea Pampín

 

Un póker de coroas individuais Sub-23  puxo o broche de ouro para Galicia no Campionato de España de Loitas Olímpicas que se disputou durante a fin de semana en Santiago de Compostela. Arón Ayude, Nerea Iglesias, Nerea Pampín e Santiago Sánchez proclamáronse campións estatais no Pavillón de Santa Isabel. A cita, que reuniu a máis de 500 deportistas baixo un estrito protocolo de seguridade sanitaria, baixou o pano coa federación anfitrioa obtendo o subcampionato por autonomías na modalidade de Loita Libre Olímpica.

A segunda e última xornada destes campionatos celebrados sen presenza de público dedicouse exclusivamente ás competicións Sub-23. Dous clubs galegos obtiveron cadanseu dobrete. O Keltoi de Vila de Cruces festexou as vitorias de Nerea Pampín, na categoría de 68 kilos, e a de Santiago Sánchez, na de 97. Pola súa banda, a Escola Ayude de Santiso, fíxose cos títulos individuais de Nerea Iglesias na Loita Feminina e de Arón Ayude na modalidade Grecorromana de 130 kilos.

Os resultados da matinal domingo outorgaron á federación galega a segunda posición na clasificación por autonomías de Loita Libre Olímpica, mentres que a delegación anfitrioa quedouse ás portas de subir ao podio nas outras dúas modalidades, Feminina e Grecorromana, ao ocupar a cuarta posición.

Os seleccionadores estatais non perderon detalle do acontecido en Compostela para confeccionar a convocatoria do combinado español que a mediados de abril participará en San Javier (Murcia) nunha concentración e competición de carácter internacional.

Santiago Sánchez

Campionato Escolar e Cadete

A exitosa xornada dominical deu continuidade ao acontecido o día anterior no Campionato de España Escolar e Cadete. Nas categorías Sub-15, dous galegos ocuparon o chanzo máis alto do caixón. Volodymir Datsenko, do Keltoi, colgouse o ouro na categoría de 41 kilos e Carmen Naveiro, do Club de Loita Pontevedra, na competición feminina.

O outro título individual galego do sábado chegou no Campionato de España Cadete. Anxo Lomba, do Club de Loita Sabarís, impúxose entre os Sub-17 en Loita Libre Olímpica.

Deste xeito, a federación anfitrioa alcanzou a terceira posición na táboa conxunta do Campionato Escolar e Cadete, por detrás da vencedora Andalucía e da Comunidad de Madrid. Os responsables de Galicia outórganlle un valor especial a este resultado debido a que os loitadores galegos destas categorías estiveron dende marzo do 2020 ata hai dúas semanas sen poder competir. Un ano en branco no que os clubs realizaron un gran traballo para que as rapazas e os rapaces non se desligaran deste deporte. Ese obxectivo conseguírono manténdoos activos grazas ás sesións online e outras iniciativas levadas a cabo mentres noutros territorios de España estaba permitida a competición.

A loita galega tamén exhibiu nestes campionatos o seu nivel arbitral, sendo con cinco a comunidade que máis árbitras noveles aportou, e de técnicos. A Federación Galega quixo premiar o traballo dos novos adestradores convocándoos para que viviran unha competición de nivel estatal e, asemade, os deportistas autonómicos recibiran a máxima atención.

Éxito organizativo

 Este campionato efectuouse baixo un protocolo, con tests de antíxenos antes e durante o competición, mediante o cal se creou unha burbulla para limitar o máximo posible o risco de contaxios. “É moi complicado organizar eventos coa máxima seguridade e aquí conseguiuse”, destacaron dende a organización.

A Federación Galega de Loita contou coa colaboración da Federación Española de Luchas Olímpicas, do  Club de Loita Stellae, do Concello de Santiago de Compostela, da Secretaría Xeral para o Deporte e da Deputación da Coruña. A organización estima que este campionato deixou máis de 120.000 euros de retorno económico na capital autonómica.