Nota de prensa de la Federación Gallega de Voleibol

  • O pasado domingo 26 de maio, disputouse en Quiroga a volta do Bilateral Minho-Galicia, un amistoso ante o combinado da rexión portuguesa que forma parte da preparación da Selección galega Cadete Feminina con vistas ao Campionato de España de Seleccións Autonómicas.

A Selección Galega que dirixen Juan Carlos Suarez e Patricia Valcárcel, con Daniel Rodríguez como fisioterapeuta, xa se impuxera no partido de ida, disputado en Viana do Castelo, por 3 sets a 0, un resultado moi semellante ao obtido neste segundo encontro.

O resultado de 3 a 0 neste partido de volta non é de todo fiel á oposición que fixo unha combativa selección portuguesa que puxo en apuros a recepción galega con moi bó nivel de saque e un gran traballo defensivo. Pero reducindo os erros en saque e aproveitando a vantaxe en rede, cun mellor ataque e bloqueo, Galicia puido dominar con certa tranquilidade (25-19/25-17/25-18), o que permitiu aos técnicos facer alguha proba de cara ao Campionato de España que se celebra en Valladolid do 27 ao 30 de xuño.

O partido de preparación tivo lugar durante a celebración das concentracións das seleccións galegas cadetes en Quiroga durante todo o fin de semana. A localidade lucense converteuse esta tempada na sede dos combinados autonómicos e o vindeiro fin de semana (1 e 2 de xuño) acollerá as concentracións infantís, ademais de albergar o 22 e 23 de xuño o Bilateral coa Selección de Cantabria para as catro categorías.