Galicia, gañadora da President´s Cup de técnica e freestyle en Alemaña

0

Nota de prensa de la Federación Gallega de Taekwondo

Galicia logrou o título na clasificación por equipos da President´s Cup de técnica e freestyle, que se celebrou esta fin de semana en Sindelfingen (Alemaña).

Na primeira xornada houbo oito medallas galegas e hoxe foron nove as preseas acadadas
polos nosos representantes (dous ouros, dúas pratas e cinco bronces). E da suma de todas elas, sae ese título de campión da President´s Cup de técnica e freestyle.

Na modalidade de técnica hoxe celebrouse a competición na categoría cadete e júnior. Daniel Areán (Neka) acadou a medalla de bronce na competición individual e tamén logrou o bronce en parellas xunto a Laura Álvarez (Neka).

O trío cadete –formado por Francisco Ramos, Manuel Paz Albores, Rubén Galdo, do Natural Sada- non puido sumar a medalla, quedando na quinta posición. Pero foi suficiente para clasificarse para o Europeo, xa que o primeiro equipo clasificado era Korea, polo que esa praza foi para o quinto, que era o conxunto galego.

Na categoría júnior, houbo dous bronces máis. A parella formada por Álvaro Portela e Bárbara Di Martino (Hebe) acadou o bronce, igual que o trío júnior composto por Gabriele Santomé, Álvaro Portela e Manuel Paz, do Hebe.

Na modalidade de freestyle houbo máis medallas galegas. Manuel Paz (Hebe) conseguiu o ouro en freestyle -17 anos individual, con Tomás Fernández (Kiap) na segunda posición. Ademais, a parella de menos de 17 anos formada por Manuel Paz e Bárbara Di Martino logrou subirse ao máis alto do podio e colgarse a medalla de ouro.

En quinteto de -17 anos tamén houbo dúas medallas para a selección galega. O equipo do Natural de Sada (formado por Zaida Velo, Yaiza Velo, Irea Abuín, Francisco Ramos e Rubén Galdo) logrou a medalla de prata, mentres que o conxunto do Neka (Daniel Areán, Laura Álvarez, Marco García, Karla Novo e Ana López) foi bronce.