Esta semana presentouse en Madrid o mapa de Rutas Ciclistas Protexidas, unha das medidas incluidas dentro do Plan de Actuación da DXT para a protección deste colectivo.

Galicia contará con doce Rutas Ciclistas Protexidas

 

En Galicia doce rutas, tres por cada provincia, recibirán este tratamento despois do traballo conxunto levado a cabo durante os últimos meses pola Federación Galega de Ciclismo, a Secretaría Xeral de Infraestruturas da Xunta de Galicia, a DXT e a Garda Civil. Para esta actuación e outras que se están a desenvolver, os organismos oficiais contaron coa inestimable axuda dos clubes e asociacións ciclistas de toda a comunidade. 

As Rutas Ciclistas Protexidas galegas suman un total de 689,4 quilómetros e serán Guntín – O Pedrouzo, Nos – Santa Cruz e a Ruta do Barbanza na provincia da Coruña; Ourense – Ribadavia – Ourense, Maceda – Almoite – Milagros – Maceda e Ourense – Ribadavia – O Carballiño – Ourense na provincia de Ourense; A Brea – O Couto, Pedrafita do Cebreiro – Alto do Hospital e Villalba – O Reboredo na provincia de Lugo; e Volta ao Valle, Vilasobroso – O Porriño e a Ruta do Sol na provincia de Pontevedra. 

Gregorio Serrano, director xeral de Tráfico; José  Luis López Cerrón, presidente da Real Federación Española de Ciclismo; e Alfonso Treviño, presidente da Asociación de Ciclistas Profesionais, participaron no acto no que se desvelou o mapa destas rutas para todo o estado. Serrano apuntou que “o obxectivo desta medida é protexer aos miles de usuarios de bicicleta que saen principalmente os fins de semana a practicar ciclismo, de modo que dispoñan de rutas especialmente vixiadas”.

As medidas concretas levaranse a cabo durante os días e as horas de presenza máis destacada e habitual de ciclistas, que adoita ser as mañás dos sábados e festivos. Entre estas medidas que se van a adoptar destacan:

  • Sinalización da ruta ciclista e acougado do tráfico: diminución temporal do límite máximo de velocidade.
  • Por parte da ATGC intensificarase a vixilancia presencial nestas rutas. En especial, velarase polo cumprimento das normas de seguridade relativas á distancia lateral no adiantamento a ciclistas, velocidade inadecuada ou manobras antirreglamentarias
  • 3.000 patrullas máis en xullo e agosto. 
  • Controis preventivos de alcol e outras drogas nestas rutas seleccionadas, así como nas súas vías de acceso
  • As patrullas de helicópteros da DXT incluirán ditas rutas ciclistas protexidas nos seus labores de vixilancia
  • A través das xefaturas provinciais solicitarase a colaboración activa das policías locais para mellorar a seguridade nestas rutas
  • Tamén se solicitará colaboración aos titulares das vías con rutas ciclistas protexidas, para que, na medida do posible, dean prioridade ás tarefas de conservación que, no seu caso, resulten necesarias.

FGC