Futbol Emotion Zaragoza en Vista Alegre para abrir a liga masculina 21-22

0

CALENDARIO

O Pescados Rubén Burela FS abrirá Primeira RFEF Masculina, como único club galego na elite 2021-22, o 9 de outubro e na casa, coa visita de Futbol Emotion Zaragoza nunha liga que recupera as 30 xornadas, con broche previsto para o 4 de xuño de 2022 tamén en Vista Alegre con Jaén Paraíso Interior FS.

A estrea a domicilio dos Laranxas será de vertixe co reto na pista do Barça xa o 16 de outubro.

A visita a Osasuna Magna marcará o inicio do Nadal o 22 de decembro, na xornada 12, sen descanso e encadeando a saída a Manzanares o día 29, coa estrea do ano o 5 de xaneiro, con ElPozo Murcia Costa Cálida na Bomboneira como agasallo adiantado de Reis. Con máis dun mes de parada polo Europeo, o equipo de Riquer chegará ao ecuador da competición o 12 de febreiro na pista dos xienenses.

Para gozar do espectáculo laranxa fronte aos campións de campións haberá que agardar á segunda volta, con Barça como conquistador da Liga o 5 de marzo e Movistar Inter, actual defensor de Supercopa, Copa de España e Copa do Rei, o 24 de abril, nas xornadas 17 e 24 respectivamente.