Participantes Pequetrail. Foto: SD Compostela Atletismo

Santiago, a 29 de Decembro de 2020.- Moitos dos seus corredores, tanto adultos coma menores, participaron nas diferentes probas que se desenvolveron no panorama galego, destacando dúas citas: o Campionato Galego de Pista Cuberta para categorías base e Trail de Lousame.

O sábado, durante todo o día, foi a quenda dos máis cativos no Campionato de Galicia de pista cuberta, que, por mor das novas normativas covid-19, se disputou ao aire libre no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Paula Fernández, medalla de bronce. Foto: SD Compostela Atletismo

Alí, varios nenos e nenas da SD Compostela Atletismo debutaban nun campionato autonómico e o resultado non puido ser mellor. Como os grandes atletas fan nas grandes probas, todos eles melloraron as súas marcas: Iara Torres, 1’50» nos 500 metros sub-10; Marcos Barcala, 3’42» nos 1000 metros sub-10; Juan Dubert, 3’52» nos 1000 metros sub-10; Diego Muñiz, 1’37» nos 500 metros sub- 12; e Álvaro Muñiz, 1’40» nos 500 metros sub-10.

Mención especial merecen Paula Fernández, cun 1’28» nos 500 metros sub-12, tempo co que acadou a medalla de bronce, mellorando ademais a súa mellor marca en 4 segundos; e Lucía Taboada, que con 3’51» nos 1000 metros logrou unha mellora de case 10 segundos.

Martín Abelenda. Foto: SD Compostela Atletismo

O mesmo sábado, outros cativos do club optaron por participar nunha proba ben distinta, o PequeTrail de Lousame, onde un total de seis pequenos atletas branquiazuis participaron correndo entre a natureza, sorteando regatos e pedras. O noso Sub-16 Yago Iglesias acadaría a vitoria na súa proba de sete quilómetros. Mentres tanto, en menos distancia e na categoría sub-10, tamén participaron as más cativas: Iara Torres, Ariana Iglesias, África Gil, Daniela Maceiras e Claudia Castro.

Pola súa banda, ao día seguinte, foi a quenda dos adultos no Trail de Lousame, no que participaron un total de 8 atletas. Cinco deles lograron chegar entre os primeiros quince clasificados, con podio absoluto para Amador Pena, seguido moi de preto por José Sanda, Javier de Dios, Damián Espasandín, Martin Abelenda, Pedro Pazos, Manu Castiñeiras e Laureano Varela.

Amador Pena. Foto: SD Compostela Atletismo

Do mesmo xeito, o domingo tamén participaron nun control de marcas en Pontevedra Ivan Pardal e Tere Parrado, na distancia de 1500 metros, cuns rexistros de 5’15» e 5’38», respectivamente.

Agora, moitos deles rematarán o ano participando na xa tradicional San Silvestre, que esta edición conta con moitas restricións, xa que só está aberta para atletas federados.

DP SD Compostela Atletismo