Expourense acollerá a preto de 1.800 atletas no XXV Campeonato de España Master en Pista Cuberta

O Concello de Ourense e a Federación Galega de Atletismo analizan a celebración do XXV Campeonato de España Master en Pista Cuberta, unha proba que contará coa participación de entre 1.500 e 1.800 atletas. 

0
Foto: Carlos Domarco

Foto: Carlos Domarco

Ourense, 30 de xaneiro de 2019. O  Concello de Ourense e a Federación Galega de Atletismo mantiveron unha primeira toma de contacto con motivo do XXV Campeonato de España Máster en Pista Cuberta, que terá lugar os días 8, 9 e 10 de marzo na pista de Expourense, e no que prevé a participación de entre 1.500 e 1.800 persoas.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o xerente do Consello Municipal de Deportes, Mario González, mantiveron un encontro co presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o vicepresidente primeiro desta entidade, Eladio Gómez e Ángel Fidalgo, delegado na nosa provincia da Federación, para analizar diversos aspectos relacionados con esta proba.

Durante a reunión confirmouse que o XXV Campeonato de España Máster de Pista Cuberta vai supoñer a confirmación do éxito das instalacións da pista cuberta como unha das mellores instalacións da súa categoría a nivel mundial.

Pero tamén se destacou a importancia da proba para a nosa cidade, xa que segundo os datos da Federación Española de Atletismo, e baseándose nos datos de citas anteriores, poderían desprazarse até a nosa cidade entre 3.000 e 4.000 persoas, ao longo dos tres días de competición.

Desta cifra, unhas 1.800 persoas serán atletas de máis de 35 anos chegados de toda España, mentres que a participación galega suporía un 10% do total de deportistas.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salientou que esta proba será un “evento pioneiro na nosa cidade, que terá un enorme impacto a nivel turístico e de ocupación, que nos permitirá dar a coñecer a nosa cidade e a súa amplísima oferta deportiva, cultural, patrimonial e termal entre miles de persoas”.

Desde a Federación Galega de Atletismo confirmouse que a experiencia da Federación Española avala que esta convocatoria supón todo un revulsivo económico nos lugares nos que se ten realizado esta proba, xa que os deportistas aproveitan a súa participación para coñecer a contorna.

Ademáis, destaca que o Campeonato de España Máster suporá un importante paso adiante para estas instalacións, que dende a súa posta en marcha en decembro de 2017 tiveron unha progresión espectacular Así, no pasado ano a pista cuberta de Expourense acolleu o Campeonato de España Sub 20, e para o vindeiro ano será a sede do Campeonato de España Absoluto, unha cita que traerá a nosa cidade os nomes máis importantes do atletismo nacional.

Durante a reunión tamén se constatou que a cita deportiva do vindeiro mes de marzo é unha oportunidade para achegar á cidadanía a unhas instalacións situadas entre as mellores pistas cubertas que hai na actualidade.