Excepcional triunfo do Victoria FC este domingo no Municipal de Santa Isabel de Santiago fronte ó líder da 1.ª Nacional Femenina, o Viajes Interrías de Portonovo (2-0).
O conxunto compostelán, terceiro na táboa, amosou ambición e bo xogo para impoñerse a un dos mellores equipos da categoría e con este resultado mantén o posto na clasificación pero achégase a só 5 da cabeza. Con 42 puntos lideran o grupo o CD Monte e o propio cadro de Salnés, aínda que as de Santander teñen mellor diferencial de goles. Séguennos o Victoria FC, con 37, os mesmos co Oviedo Moderno B pero con un triunfo máis, e xa o Deportivo B, quinto, queda con 33.
“Quedan sete finais”, afirma o adestrador Chivi García, empezando pola próxima xornada (dentro de 15 días) cunha complicada visita ao seu rival directo, o Oviedo B.
Onte os aficionados que se achegaron ata Santa Isabel disfrutaron dun auténtico partidazo. Os dous conxuntos sairon moi ben posicionados ao terreo de xogo en busca de crear perigo na portería rival. Con acercamentos perigosos pero sen ocasións manifestas de gol para ningún deles na primeira parte, semellaba que o encontro se iría ao descanso con táboas no marcador, ata que Ánxela Torres rematou con éxito un centro de Gara xa no tempo engadido (1-0, min. 44)).
Na segunda metade continuou o cadro local moi ben asentado no campo e cunha excelente concentración, o que derivou nun perigo constante que completou, tras un saque de esquina, de novo, Ánxela Torres para de cabeza poñer o definitivo 2-0 (min. 47) no marcador que facía xustiza o que se estaba a ver sobre o campo.
Pero, lonxe de darse por vencido, o Interrías, continuou intentando a remontada e incluso gozou dalgunha ocasión para recurtar distancias. Sen embargo o Victoria FC estivo moi serio durante todo o encontro e non deixou escapar os tres puntos que serven para darlle moita emoción a esta Liga.
“O que mais me gustou das miñas xogadores foi a súa actitude. Viuse a un equipo que quería gañar dende o minuto 1 ao 90”, comentou o adestrador santiagués Chivi García. “Cando o equipo o pasou mal soubo sufrir, e cando tivemos os nosos minutos, as xogadoras foron valentes co balón e fixeron dano ás rivais”, engadiu.
Nota de prensa del Victoria FC