Excelente papel dos taekwondistas galegos no Open de Holanda

0

Rematou o Open de Holanda e fixoo con seis medallas galegas (tres ouros, dúas pratas e un bronce). E son medallas no torneo da categoría G-1 máis importante de Europa, con participantes de todo o mundo e medallistas mundiais e europeos. Tania Castiñeira, Irene Monteagudo e Ainhoa García foron os ouros; Cloe Iglesias e María Ferreiro lograron as pratas e Ana Dosil foi bronce.

Tania Castiñeira (+60, Hebe) acadou a medalla de ouro na categoría júnior. A galega logrou a primeira posición cunha gran superioridade sobre as rivais. Venceu en primeira rolda a Leonie Marzoll (Alemaña) por 10-2 e nas semifinais superou a Isabeau Van Droffelaar (Holanda) por 6-10. A final estivo absolutamente controlada dende o inicio. Gañou a Reba Stewart (Australia) por 7-1.

A cadete Irene Monteaguado (-51, Natural Sport) logrou a primeira posición tras vencer en catro combates e de forma clara. Superou en primeira rolda a Anastasia Tsipa (Grecia (22-2) e nos cuartos de final a Jill Marie Beck (Alemaña) por 3-19. Na semifinal deu boa conta de Tindra Andersson (Suecia) por 10-18 e na final gañou a Rachel Kerr (Irlanda) por 4-10.

Tamén na categoría cadete, ouro para Ainhoa García (-55, Couto). A galega venceu en primeira rolda a Leah Kerr (Irlanda) por un contundente 0-13 e posteriormente a Frida Sjoberg (Suecia) por 3-11. En semifinais superou á holandesa Amy Mink (3-5) para rematar a súa perfecta competición coa vitoria na final ante Jesse de Vries (Holanda) por 0-4.

As pratas foron para as cadetes María Ferreiro e Cloe Iglesias. María Ferreiro (-44, Couto) logrou a vitoria en tres combates antes de chegar á final: Superou a Sofia Klein (Alemaña) por 5-8; a Holly Pepper (Gran Bretaña) por 6-2 e a Nilla Brostom (Holanda) por 12-0. Na final caeu ante a francesa Maysane Kamkasoumphou por 15-20, nun fermoso combate.

Pola súa banda, Cloe Iglesias (-59, Patiño) venceu na semifinal a Mia Gouws (Australia) por 2-0, para perder na final contra Emel Karagoz (Alemaña) por 6-14.

Por último, sinalar o bronce da júnior Ana Dosil (-63, Natural Sport). Venceu a Michaela Razimova (R. Checa) por 3-5 e posteriormente a Meike Unrau (Alemaña) por un espectacular 0-8. Na semifinal, a galega foi derrotada por Kristyna Drobna (R. Checa) un axustadísimo combate (2-1)

CINCO MEDALLAS GALEGAS NO PRIMEIRO DÍA DO OPEN DE HOLANDA

Magníficos resultados para o taekwondo galego no primeiro día de competición do Open de Holanda, que se está a celebrar en Eindoven esta fin de semana. Arlet Ortiz acadou a medalla de ouro, mentres que Vanesa Roo, Pablo Patiño e Unai Silva foron prata e Alejandro Paz acadou a medalla de bronce.

A júnior Arlet Ortiz (-52, Mat’s) continúa imparable, en tres semanas continuadas de competición e sempre subida ao podio. Onte logrou a medalla de ouro tras gañar cinco combates. En primeira rolda venceu a Ihsane Akchich (Holanda) por un espectacular 22-0, mentres que en segunda superou a Lisa María Sorensen (Dinamarca) por 2-5. Nos cuartos de final tiña como rival a Anahita Akbari (Noruega) e gañou por un apertado 2-3. Na semifinal venceu con rotundidade a Gabriela Briskarov (Eslovaquia) por 0-9 e rematou a súa participación cun 14-6 na final contra Ozoda Sobirjonova (Usbequistán). Ouro para Arlet.

A cadete Vanesa Roo (-37, Natural Sport) logrou a medalla de prata na súa categoría. En primeira rolda superou a Firdaous Bouisengaren (Holanda) por 11-14 e así acadou o pase as semifinais. Na semi esperaba unha rival moi dura, a española Jada Wijngaarden, pero Vanesa estivo moi firme e segura e venceu por 2-4. A final foi espectacular, con cambios continuos no marcador, contra a alemá Nur Arayan. Ao final, vitoria para a alemá por un axustadísimo 13-14.

 

O júnior Pablo Patiño (-63, Patiño) tamén foi prata nun peso con moitos competidores o que lle obrigou a disputar ata seis combates. En primeira rolda venceu de forma moi clara a un taekwondista portugués (26-5), na segunda ao belga Niel Willems (6-15) e na terceira a Ezequiel Lautaro (Arxentina) por 12-15. Nos cuartos de final, o rival era o ruso Dimitri Vasilev e foi un contrincante moi duro (13-14). En semifinais o rival foi o sueco Joseph Aljaf e Pablo volveu a estar a un nivel espectacular para lograr o pase a final (11-12). Na final esperaba Jasurbek Djaysunov (Usbequistán), que venceu con claridade (21-4).

O júnior Unai Silva (-68, Mace Sport) tamén logrou a medalla de prata despois de unha durísima competición. En primeira rolda gañou a Edwin Van Zon (Holanda) por 15-17, mentres que en segunda venceu a Raphael Jaschin (Alemaña) por 7-15. Nos cuartos de final o rival era o británico Jamie Simpson-Kidd e o combate foi absolutamente espectacular, cun resultado final de 40-44. Na semifinal, Unai gañou a Giovanni Slanec (Eslovaquia) por 23-12 e na final caeu derrotado ante Gabriel Biskar (Eslovaquia) por 13-6.

O bronce foi para Alejandro Paz (-51, Hebe) na categoría júnior. Para chegar as semifinais, primeiro tivo que superar dous combates. No primeiro venceu a Omer Dawoud (Dinamarca) por 14-3 e posteriormente, superou ao español Joaquíon Albadalejo (1-3). Na semifinal caeu contra o uzbeco Ulugbek Rashitov (17-4), que foi o que se proclamou vencedor do Open de Holanda.