Esta fin de semana disputarase en Aguilas a Copa do Rei e da Raiña e o Campionato de España de Tríatlon por relevos

A localidade de Águilas (Murcia) acollerá esta fin de semana a Copa do Rei e da Raíña de Tríatlon (sábado 5) e o Campionato de España de Tríatlon por relevos (día 6), onde os clubs galegos tentarán volver a brillar, igual que en anos precedentes. O domingo tamén se celebrará a Copa do Mundo de Paratríatlon de Águilas coa participación da galega Susana Rodríguez.

0

As Copas.

A Copa do Rei e da Raíña serán a primeira proba da Liga Nacional de Clubs de Tríatlon da presente tempada. A proba, que se celebrará o sábado 5 de maio (a partir das 14:45 horas), desenvolverase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 21 quilómetros de bici e 5 de carreira a pe). É unha proba contra o reloxo por equipos, que están compostos por un máximo de 6 membros e deben rematar polo menos catro para clasificar. O cuarto clasificado é o que da o tempo. Os equipos sairán en intervalos de 1 minuto seguindo a clasificación da tempada anterior (en orde inversa), polo que os mellores saen nas últimas posicións.

Na proba elite masculina, con 100 clubs inscritos, participarán cinco equipos galegos: Cidade de Lugo Fluvial, Arcade Inforhouse, Tríatlon Arteixo, Olímpico de Vedra e Natación Riveira. Na proba feminina, con 50 inscritos, a Federación Galega de Tríatlon estará representada por Tríatlon Ferrol, Cidade de Lugo Fluvial, Arcade Inforhouse e Náutico de Narón. Ademais, tamén haberá unha proba open (na que os clubs poderán presentar varios equipos, e outra escolar).

2017. O Tríatlon Ferrol feminino logrou, por segundo ano consecutivo, o título na Copa da Raíña do pasado ano, que tamén se celebrou en Águilas. Ademais, o Cidade de Lugo Fluvial logrou subir ao podio tanto na Copa do Rei (prata) como na da Raíña (bronce). E sen esquecer a medalla de bronce do Arcade Inforhouse na Copa do Rei.

Campionato de España de Tríatlon por relevos (segunda proba da Liga). O domingo 6 de maio celebrarase esta competición na que os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno tríatlon (250 metros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe) e da a quenda ao seu compañeiro.

A proba elite feminina –con 52 equipos inscritos- comezará ás 15:00 coa participación de Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo, Náutico de Narón e Tríatlon Ferrol, mentres que a masculina –con 84 equipos inscritos- comezará ás 13:30 horas coa presenza de Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo, Olímpico de Vedra, Natación Riveira e Tríatlon Ferrol. Ademais celebrarase este mesmo campionato en idade escolar, con varios equipos galegos, a partir das 10:30 horas.

No 2017, os clubs galegos tamén triunfaron no Campionato de España de Tríatlon por relevos. O Tríatlon Ferrol acadou o triunfo na categoría feminina, mentres que o Cidade de Lugo Fluvial foi prata na categoría masculina e bronce na feminina, mentres que o Arcade Inforhouse foi bronce.

Copa do Mundo de Paratríatlon.

O domingo 6 de maio (08:00 horas) celebrarase a Copa do Mundo de Paratríatlon de Águilas, na que participará a viguesa Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo) na proba PTVI (para deportistas con discapacidade visual).

Será a primeira proba importante da tempada para a galega, que ata agora só competira no Dúatlon Concello de Riveira. Será unha boa oportunidade para probar coa súa nova guía, Paula García Godino, coa que aínda leva moi pouca preparación para adaptarse unha a outra, algo fundamental no paratríatlon. A próxima semana desprazaranse ata Yokohama, onde disputará a primeira proba das Series Mundiais.