Iván Feijóo

 

O corredor alaricano do Nesta – Skoda Alecar buscará revalidar no Campionato de España a coroa sub-23 que conquistou o pasado ano no circuíto da Illa das Esculturas.

– ¿Que recordo lle quedou do seu triunfo hai un ano na competición sub-23?

Sobre todo, a cantidade de público que había. Sabía que o circuíto se me ía dar ben e ao final foi unha dura batalla con Jofre Cullell. Puiden facerme co título en Pontevedra, en Galicia, e quedei moi contento.

– ¿Como se imaxina a carreira deste ano?

– O obxectivo vai ser revalidar o título e agardo unha carreira táctica porque é un circuíto no que non se poden sacar moitas diferenzas. Espero chegar nun bo momento e facer unha boa carreira.

-¿Cales van ser os seus principais rivais?

– Xabier Murias subiu bastante o seu nivel este ano. En principio, pode ser o rival máis forte porque desgraciadamente Jofre arrastra unha lesión nun pé e non sei se poderá chegar a tempo. Despois, como non, vai estar Carlos Canal, que se estrea na categoría ao igual que o cántabro Gonzalo Inguanzo.

– ¿Con que sabor de boca regresou da súa xira de Nadal por Bélxica e Francia?

– Estivo moi ben, malia que a sorte non estivo moito do noso lado nin en Namur, nin en Zolder, nin sobre todo en Loenhout. Tiven moitos problemas, pero fumos solventándoos e ao final as Copas do Mundo saíron bastante ben, con dous Top-20. A última carreira foi en Francia, unha proba internacional, e logrei o quinto posto tendo como rivais a ciclistas do Tour de Francia. Estivo moi ben. Sabemos que as pernas están aí e marcando tempos para loitar polo Top-10, á vez que conseguindo puntos UCI que van ser necesarios para o Campionato do Mundo.

Este é o seu primeiro ano cun calendario internacional.

– Sí, co meu novo equipo, o Nesta Team, estamos facendo un calendario con todas as Copas do Mundo e coa xira de Nadal. Despois do Campionato de España iremos ás Copas do Mundo que quedan.

– ¿A súa preparación planificouna para ter un pico de forma neste mes de xaneiro?

– Si, o obxectivo era ir traballando pouco a pouco para chegar ben ás Copas do Mundo de Nadal. De momento, a iso chegamos ben e agora o pico de forma, en teoría, vai estar no Campionato de España e intentaremos mantelo ata o Mundial.

 

– ¿A que aspira no Mundial que se celebrará en Suiza no mes de febreiro?

– Sendo realistas e vendo os tempos nos que podemos estar, intentaremos mellorar o 18º posto do ano pasado e loitar polo Top-15 ou polo Top-10. Para iso tamén ten que acompañar a sorte.