Empate pouco vistoso do Celta ante o Gil Vicente (0-0)

0

FICHA TÉCNICA

RC Celta 0-0 Gil Vicente FC

Aliñación RC Celta: Dituro, Hugo Mallo, Aidoo, José Fontán, Javi Galán, Tapia, Denis Suárez, Brais Méndez, Nolito, Cervi e Santi Mina. O once da segunda metade foi: Rubén, Kevin, Carlos Domínguez, Okay, Miguel Baeza, Fran Beltrán, Gabri Veiga, Solari, Álex Carbonell, Alfon e Lautaro.

Aliñación Gil Vicente FC: Kritchuk , C. Carlos, Diogo, Rubén Fernández, Enrique, Víctor Carballo. Mateo Esbueno, Pedriño, Murilo, Fran e Samuel.

Árbitro: Álvaro Juncal Moreira

Campo: Cidade Deportiva Afouteza

ANÁLISE

O penúltimo partido de pretempada do Celta finalizou con empate a cero. Tanto o equipo do Chacho Coudet como o Gil Vicente tiveron ocasións para marcar, pero o balón non entrou. Na segunda metade a néboa fíxose persistente na Cidade Deportiva Afouteza e o partido seguiu sen ser demasiado claro.

Ao igual que no resto de encontros de pretempada, o equipo vigués comezou presionando. Nos primeiros minutos Nolito tivo unha boa ocasión que marchou polo pau esquerdo da porta rival. Polo equipo luso, tiveron un remate que saiu desviado e varias ocasións de achegarse á área celeste por medio de contragolpes. Uns minutos despois, Nolito Brais Méndez tiveron boas oportunidades de marcar, pero a primeira saiu desviada e a segunda foi detida polo porteiro do Gil Vicente. Pouco antes do final da primeira metade, o equipo visitante tivo outra ocasión que deteu Dituro. Con todo, estes primeiros 45 minutos foron bastante trabados.

Na segunda metade entraron once novos xogadores. Entre eles estaba Lautaro, que tivo a primeira ocasión celeste detida polo meta portugués. A continuación, o Gil Vicente gozou dunha oportunidade moi clara de abrir o marcador, pero Rubén Blanco conseguiu deter o esférico cando parecía que xa estaba dentro da súa porta. Algúns dos futbolistas do Celta B que tiveron minutos dispuxeron das mellores ocasións. Gabri Veiga realizou un lanzamento que deteu o meta luso, Álex Carbonell tivo unha boa ocasión que saiu desviada por pouco, ao igual que dous lanzamentos de Alfon.

Finalmente o encontro rematou en empate. Non foi un choque tan vistoso como os anteriores disputados nesta pretempada, pero como comentou o capitán Hugo Mallo, serviu para seguir collendo ritmo para o inicio ligueiro. O derradeiro partido desta fase de preparación será o vindeiro sábado ás 13:45 ante o Wolverhampton Wanderers.

Imaxe

Joseph Aidoo controla o balón nun instante do partido.
Fotografía: RC Celta.